Os conselleiros de Economía e Medio Rural reuníronse cos consellos reguladores vitivinícolas de Galicia para explicarlles o funcionamento do préstamo vendima
A Xunta apoia as denominacións de orixe vitivinícolas galegas cun préstamo de ata 60 M€ para que as adegas poidan mercar toda a uva desta vendima en condicións normais de mercado

O Goberno galego mobilizará estes empréstitos para bodegas, no marco dunha nova liña de financiamento dirixida aos autónomos, microempresas e pemes máis afectados pola emerxencia sanitaria

A medida foi aprobada onte polo Consello da Xunta, tras constatar que o sector do viño apenas recibiu fondos das medidas extraordinarias habilitadas polo Goberno central

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2020

Os conselleiros de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, e do Medio Rural, José González, reuníronse esta mañá por videoconferencia cos presidentes e xerentes dos consellos reguladores vitivinícolas de Galicia co obxectivo de explicarlles o funcionamento do préstamo vendima que aprobou onte o Consello da Xunta e que permitirá mobilizar ata 60 millóns de euros.

Así, o conselleiro do Medio Rural sinalou que estes empréstitos perseguen que todas as adegas galegas poidan mercar a totalidade da uva da colleita deste ano en condicións normais de mercado. Nesta liña, a iniciativa busca garantir o futuro do sector do viño da nosa comunidade, unha vez se constatou que apenas recibiu fondos das medidas extraordinarias habilitadas polo Goberno central.

Deste xeito, José González destacou que o préstamo vendima forma parte dunha nova liña de financiamento impulsada pola Xunta para axudar aos autónomos, microempresas e pemes máis afectados pola emerxencia sanitaria. O instrumento financieiro deseñase de xeito coordinado entre as consellerías de Economía e do Medio Rural e terá unhas condicións moi vantaxosas no que se refire ao custo financeiro e ao prazo de devolución coa posibilidade de ter un período de carencia de 1 ano e unha amortización de ata 4 anos.

A maiores, José González aproveitou para lembrar aos consellos reguladores que el mesmo solicitou hai case un mes ao Goberno central que habilitase unha liña específica de préstamos avalados polo Estado a través do Instituto de Crédito Oficial (ICO) para o sector do viño de cara a asegurar a vendima e garantir a compra de uvas aos viticultores en condicións normais de mercado. Así mesmo, recordou que tamén lle plantexou ao Ministro Luis Planas a posibilidade de poñer en marcha unha campaña de promoción específica para o viño que poidan lanzar directamente os propios consellos reguladores.

Este novo instrumento específico para o sector vitivinícola amosa a clara aposta da Xunta por un sector tan importante na comunidade e que se veu claramente prexudicado polas axudas específicas convocadas polo Goberno estatal para este sector, ao non apostar pola realidade galega e seren unhas axudas para medidas contrarias ao impulso do viño de calidade.

Cabe lembrar que das achegas anunciadas polo Goberno do Estado por importe de 90 millóns de euros, Galicia tan só recibe arredor de 236.000 euros por 17 solicitudes de axudas, cando na nosa comunidade hai case 13.500 viticultores e 480 bodegas. É dicir, os viticultores e bodegas galegos só se benefician do 0,26% das achegas estatais.

Pola súa banda, o conselleiro de Economía, Emprego e Industria explicou que Galicia contará con tres novas liñas que veñen completar as medidas que xa están en marcha e que mobilizarán 120 M€ entre autónomos, micropemes e pemes. Ademais do préstamo vendima, tamén se activan microcréditos de entre 3000 e 20.000 euros para autónomos e microempresas e préstamos directos de entre 3000 e 200.000 euros ás pemes dos sectores máis afectados pola actual situación económica como o cultural e artístico -fundamentalmente orquestras- e a economía social.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/07/2020