Aberto o prazo de presentación de ofertas para a redacción de proxectos de melloras portuarias por importe de 3,1 millóns de euros

Portos de Galicia vén de enviar ao ‘Diario Oficial da Unión Europea’ o anuncio de licitación deste servizo

O ente público contratará a través deste procedemento máis de 50 actuacións para as tres provincias costeiras

Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2020

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, vén de enviar ao Diario Oficial da Unión Europea o anuncio de licitación do servizo de redacción de proxectos de obra para diversas actuacións do ente público por un importe global de 3,1 millóns de euros. Deste xeito, esta mesma semana quedou aberto o prazo de presentación de ofertas para os licitadores, que poden acceder ás bases do procedemento na plataforma de Contratos de Galicia.

O ente público contratará a través deste procedemento máis de 50 actuacións para executar en peiraos das tres provincias costeiras galegas. Entre os portos beneficiarios figuran os da Pobra do Caramiñal, Aguiño, Aldán, Ares, Barallobre, Bueu, Burela, Cabo de Cruz, Camariñas, Camposancos, Canido, Cariño, Carril, Cedeira, Celeiro, Corcubión, Domaio, Foz, Lorbé, Malpica, Meira, Meloxo, Moaña, Mugardos, Muros, O Grove, O Pindo, Palmeira, Portosín, Rianxo, Ribadeo, Sada, San Cibrao, Santa Cristina de Cobres, Sanxenxo, Taragoña, Testal, Tragove, Vilanova de Arousa e Viveiro.

Os tipos de traballos que se contemplan son estudos marítimos, ambientais, de patrimonio, de solo e estudos de alternativas, anteproxectos e proxectos construtivos. Deste xeito avánzase na tramitación de medio cento de obras que darán resposta ás necesidades dos usuarios dos portos e que foron trasladadas polo sector ao ente público.

Para axilizar os prazos administrativos de tramitación o pasado mes de abril Portos de Galicia xa enviou o anuncio de información previa da licitación ao Diario Oficial da Unión Europea. En base a esta vía administrativa, o período de presentación de ofertas, finalizará o vindeiro 14 de agosto.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 10/07/2020