Carmen Pomar abre as xornadas de formación sobre o coidado do benestar emocional
Santiago de Compostela, 10 de xullo de 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, abriu esta mañá a primeira das xornadas de formación para o coidado do benestar emocional, que se desenvolven a partir de hoxe de xeito telemático coa asistencia duns 400 orientadores educativos. A iniciativa conta coa participación de relatores especialistas de recoñecido prestixio neste eido.

Carmen Pomar -que interveu por videoconferencia- explicou que esta actividade xorde das inquedanzas provocadas pola pandemia Covid-19, “para servir de base para afrontar outras situacións adversas que se poidan producir”. Segundo explicou, o obxectivo é favorecer e contribuír á estabilidade emocional do alumnado, coa intervención imprescindible dos docentes, pero tamén facendo partícipes ás familias e impulsando a idea de que “educar é unha tarefa compartida”.

A conselleira subliñou a necesidade de aproveitar a experiencia vivida e empregar esta bagaxe. Neste senso, subliñou a importancia destas xornadas formativas, dirixidas aos responsables dos departamentos de orientación como “primeiro nó da rede de apoio da escola”, concluíu.

Logo da intervención da conselleira, o relatorio inaugural correu a cargo de Jon Berastegi Martínez, profesor da Universidade do País Vasco (UPV) e doutor en Intervención Psicopedagóxica, cunha conferencia sobre “O benestar emocional nos termos actuais”.

As xornadas continúan ao longo da vindeira semana con relatorios a cargo de Coral Elizondo Carmona, profesora da Universidade de Zaragoza e directora do Centro Aragonés para a Educación Inclusiva, que abordará a “Accesibilidade e inclusión en distintos escenarios”; Antonio Márquez Ordoñez, mestre de Pedagoxía Inclusiva e coordinar do blog “Si es por el maestro...”, para afondar no ensino multinivel; Juan Vaello Orts, profesor da UNED e experto en convivencia escolar, cunha intervención sobre “A convivencia escolar na situación de excepcionalidade” e José María Avilés Martínez, profesor da Universidade de Valladolid e experto en acoso e en sistemas de apoio entre iguais, encargado de abordar “O valor das redes para a colaboración e o apoio”.

Cómpre lembrar que recentemente se constituíu o Comité de Expertos para o Coidado do Benestar da Comunidade Educativa, formado por persoas especialistas na atención á diversidade e na orientación educativa, no coidado da conduta, no benestar e na saúde mental, así como por persoas con experiencia no asesoramento, formación e desenvolvemento en aula de programas específicos de educación emocional.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 10/07/2020