A Xunta apoia 192 proxectos de biomasa que mobilizarán 2M€ e permitirán un aforro anual de 200.000 euros na factura enerxética das familias do rural galego

As axudas contribúen a contar cunha Galicia máis verde grazas a aforros enerxéticos de 5000MWh ao ano e á redución de emisións de 1500 toneladas de CO2

O Goberno galego tamén vén de activar o Fondo de enerxía, incluído no Plan de reactivación económica, no que se invisten 17,2M€

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2020

A Xunta apoiará un total de 192 proxectos de biomasa en zonas rurais de Galicia que permitirán promover instalacións para a xeración de enerxía térmica mediante equipamentos que utilicen a biomasa como combustible.

O Diario Oficial de Galicia publicou a resolución destas axudas ás que se destinan 0,95M€ e que mobilizarán 2M€, contribuíndo así á dinamización económica do sector. Estes proxectos permitirán un aforro anual de enerxía de 5000MWh ao ano e de preto de 0,2M€ na subministración enerxética, ademais dunha redución de emisións de 1500 toneladas de CO2 ao ano.

Con estas axudas a Comunidade segue avanzando nunha Galicia máis verde que promove un maior respecto medioambiental fomentando a cultura do aforro enerxético e o impulso ás enerxías renovables súmanse ás convocatorias deste ano xa resoltas como as axudas de renovables a particulares –que chegan este ano a 1285 familias–; de renovables e aforro enerxético no sector agrícola primario –das que xa se concederon apoios a 173 proxectos–; de aforro enerxético na industria e servizos –con 95 iniciativas apoiadas–; ou as axudas de aforro enerxético na industria cuxo prazo está aberto ata finais de ano pero das que xa se resolveron os nove primeiros apoios.

Para reforzar estas políticas e dentro do Plan de reactivación económica, a Xunta vén de aprobar un Fondo de enerxía para autónomos e pemes, dotado con 17,2M€, co obxectivo de impulsar a competitividade empresarial mediante apoios ao fomento das renovables e da eficiencia enerxética a través de tres liñas de axudas para proxectos de fotovoltaica, aforro e eficiencia na industria e nos servizos e para renovables térmicas destinados a empresas, entidades sen ánimo de lucro e administracións públicas locais mediante concorrencia competitiva. Esta última liña, dotada con 2,7M€, xa ten o prazo de solicitude aberto e apoiará proxectos de biomasa, xeotermia, aerotermia e solar térmica. A intensidade da axuda será do 50% no caso de gran empresa, 60% mediana e 70% para pequenas empresas.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/07/2020