O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións trasladou esta proposta á ministra Reyes Maroto no marco dunha xuntanza da Conferencia Sectorial
Galicia pide ao Goberno Central artellar medidas específicas para destinos afectados polos rebrotes da covid-19

Román Rodríguez amosouse partidario da proposta de poñer en marcha plans de sustentabilidade en destinos pioneiros e de interior e comprometeuse a coordinala

Lembrou que a Xunta ten en marcha o programa ‘Galicia destino seguro’ dotado con 8M€ para promover a nosa Comunidade como un territorio fiable e de calidade

Santiago de Compostela, 13 de xuño de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, pediu ao Goberno central artellar medidas específicas para destinos afectados por rebrotes da covid-19. Fíxoo no marco dunha xuntanza telemática da Conferencia Sectorial do ramo presidida pola ministra de Industria, Comercio y Turismo, Reyes Maroto, na que subliñou a necesidade de promover accións que reduzan o impacto que a crise sanitaria está tendo en territorios como a comarca da Mariña.

Durante o encontro, o titular de Cultura e Turismo en funcións trasladoulle á ministra a situación de “incerteza” que viven as empresas do sector turístico da costa lucense e das comarcas limítrofes, que afrontan o escenario actual con preocupación xusto cando comezaban a retomar a súa actividade tras a fin do estado de alarma. Neste sentido, solicitou accións de promoción específicas para estes territorios que permita paliar a afectación na imaxe destes destinos.

Do mesmo xeito, Román Rodríguez valorou a creación dun fondo específico de apoio ás empresas e pemes das zonas máis afectadas, co obxectivo de garantir medidas de protección para empregadores e empregados. Tamén incidiu na importancia de establecer protocolos nacionais que permitan actuar con axilidade e coordinación ante a covid-19.

No marco do encontro, a ministra propuxo ás Comunidades Autónomas a posibilidade de colaborar na posta en marcha de plans de sustentabilidade turística centrados en destinos pioneiros xa consolidados e en territorios rurais e do interior. Román Rodríguez amosou a disposición de Galicia de participar nesta iniciativa e comprometeuse a abordalo coas entidades locais daqueles territorios potencialmente receptores destes plans co obxectivo de traballar conxuntamente na súa posta en marcha.

Rebaixa do IVE turístico

O responsable de Cultura e Turismo en funcións subliñou a importancia de seguir avanzando na recuperación a reactivación do sector turístico baseándose nos piares da seguridade, a calidade e a sustentabilidade. Neste sentido, insistiu na necesidade de rebaixar o IVE turístico, incentivando a demanda e contribuíndo a reactivar o consumo.

Lembrou a aposta do Goberno galego por promover Galicia como destino fiable e de calidade a través do programa Galicia destino seguro. Esta liña de acción, dotada con 8 millóns de euros, recolle unha batería de accións de apoio ás empresas, asesoramento, información e formación para impulsar a nosa Comunidade como un referente neste eido.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 13/07/2020