A Xunta aposta por unha transición enerxética que sexa realmente xusta e permita crear emprego e novas oportunidades industriais

O director xeral de Enerxía e Minas en funcións, Ángel Bernardo Tahoces participou esta mañá en Ferrol nunha mesa redonda sobre transición enerxética organizada por CCOO

Ferrol, 15 de xullo de 2020

O director xeral de Enerxía e Minas en funcións, Ángel Bernardo Tahoces, participou esta mañá, en Ferrol, nunha xornada sobre transición enerxética organizada por CCOO, onde destacou que a Xunta aposta por unha transición enerxética que realmente sexa xusta, é dicir, que permita desenvolver novas oportunidades industriais e, polo tanto, crear emprego.

Neste sentido, Ángel Bernardo Tahoces puxo en dúbida que as políticas que se están a facer en España sexan xustas para as empresas do sector e puxo como exemplo a decisión de pechar todas as centrais térmicas entre 2020-2021 fronte ao obxectivo alemán de 2038 ou a diferenza do prezo eléctrico fronte a outros países europeos, factores que fan perder competitividade ao noso país. Tamén mostrou a súa sorpresa por que nin a Xunta, nin os concellos afectados foran chamados polo Goberno central para participar nos convenios de transición xusta para reactivar as zonas afectadas.

Tal e como explicou, a Xunta seguirá defendendo unha transición enerxética compatible co desenvolvemento industrial da Comunidade e lembrou os tres proxectos tractores deseñados en colaboración co comité de expertos económicos de Galicia dentro do Plan de reactivación económica. Tres iniciativas que se centrarán no impulso dunha planta de 50MW para xerar hidróxeno verde, coa posibilidade de ampliala ata os 100MW; un centro de economía circular e un centro industrial orientado a producir fibras téxtiles a partir de madeira. A través dos tres proxectos, a previsión é xerar 1700 empregos e mobilizar un investimento de 1300 millóns de euros.

Plan de dixitalización

Na xornada tamén estivo presente o director do Igape en funcións, Juan Cividanes, quen puxo de manifesto a necesidade de avanzar de xeito ordenado na transformación cara a novos modelos enerxéticos ao tempo que se segue a impulsar a Industria 4.0, a innovación e a dixitalización do tecido produtivo galego. Lembrou que con ese obxectivo a Xunta vén de activar un Plan de dixitalización, que reforza os proxectos xa en funcionamento neste eido e a través do que se prevé mobilizar 40M€, para impulsar a implantación das novas tecnoloxías e a fábrica intelixente, así como facilitar o teletraballo, especialmente nas pemes galegas. Cividanes destacou tamén que o Goberno galego acompaña a aposta polo desenvolvemento industrial, a reactivación económica e a mellora da competitividade, co impulso á transición cara unha economía máis verde.
 

Data de actualización: 15/07/2020