Xunta e Universidade de Santiago presentan as axudas do programa Emega deste ano para incentivar o fomento do emprendemento feminino

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, presentarán hoxe o programa Emega para este ano que conta cun 4% máis de orzamento

Este ano destinase máis de 1,7 millóns de euros co obxectivo de que aquelas mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo femininos

Finalmente Alfonso Rueda explicou que dende o ano 2009 foron financiados 700 proxectos que deron emprego a preto de 1.300 mulleres, e aos 9,1 millóns que levamos investidos na última década sumamos na convocatoria deste ano 1,7 millóns
 

Santiago de Compostela, 15 de xullo de 2020

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, presentaron o programa Emega para o fomento do emprendemento feminino para este ano, que nesta convocatoria conta cun 4% máis de orzamento con respecto ao ano 2019.

Alfonso Rueda indicou que este ano destinase máis de 1,7 millóns de euros para apoiar proxectos levados a cabo por mulleres emprendedoras co obxectivo de que aquelas mulleres que teñan unha idea poidan materializala e contribúan, ao mesmo tempo, a xerar riqueza e novos postos de traballo femininos.

A convocatoria deste ano conta con modificacións con respecto as anteriores dada a actual situación económica na que estamos inmersos. Así, reforzouse a ‘liña Activa’ destinada a axudar ás empresas que están a atravesar unha situación económica adversa que se viu agravada como consecuencia da crise sanitaria da covid-19. Por iso, se flexibilizan os criterios de acceso sen que se requira que o negocio teña máis de tres anos ademais de valorarse o emprego mantido neste período.

Ademais da liña Activa, o programa Emega implementa outras tres liñas específicas, como a liña ‘Emprende’, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea; a liña ‘Innova’, para fomentar a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; e a liña ‘ITEF’, para promocionar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres; e a maiores, establecese a axuda complementaria ‘Concilia’.

Durante todo o proceso as emprendedoras contan con asesoramento personalizado do servizo de Woman Emprende da USC, que se ofrece a tódalas beneficiarias do Emega. No acto participaron a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa e secretaria xeral da Igualdade por delegación Natalia Prieto Viso; a vicereitora de Igualdade, Cultura e Servizos da Universidade de Santiago, Mar Lorenzo Moledo; a directora do programa Woman Emprende da USC, Eva López Barrio.

Finalmente Alfonso Rueda indicou que “apoiamos novas iniciativas empresarias que ademais crean emprego; reactivamos as empresas para que sigan funcionando; e incentivamos proxectos con contido científico ou base tecnolóxica, cun total de 700 proxectos apoiados desde 2009, que deron emprego a preto de 1.300 mulleres, e aos 9,1 millóns que levamos investidos na última década sumamos na convocatoria deste ano 1,7 millóns.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/07/2020