As empresas de telecomunicacións aglutinan preto do 39% das mulleres do hipersector TIC

A porcentaxe de mulleres no conxunto do Hipersector TIC galego mantense en cifras similares á do ano pasado cun 33,4% de traballadoras

O número de mulleres incrementouse no último ano un 2,9%, fronte ao 5,2% de incremento no caso dos varóns

No sector tecnolóxico a fenda de xénero é máis acusada cunha porcentaxe de traballadoras do 31,1%

As mulleres galegas contan cunha maior representatividade no sector dos contidos, onde representan o 41,5% dos traballadores

O 19,4% das empresas TIC galegas contan con mulleres en postos de dirección

 

Santiago de Compostela, 15 de agosto de 2020.- Durante o ano 2019 o número de mulleres traballadoras no Hipersector TIC, integrado polos sectores tecnolóxico e de contidos, foi de 8.119, o que representa o 33,4% dos empregados no sector. Dentro do hipersector, o sector contidos é o ámbito no que as mulleres contan cunha maior representación, acadando o 41,5%, mentres que no sector TIC a porcentaxe é do 31,1%.

Desagregando o Sector TIC as actividades relacionadas coas telecomunicacións son as que contan cunha maior porcentaxe de mulleres cun 38,9% de traballadoras femininas; en segundo lugar atoparíanse as empresas dedicadas ás Actividades Informáticas, onde as mulleres representan o 30,4% do persoal.

Afiliacións á Seguridade Social

En termos evolutivos, no ano 2019 as afiliacións á Seguridade Social no Hipersector TIC incrementáronse en 1.030 persoas o que supón un crecemento do 4,4%. Atendendo ao xénero feminino, o crecemento no Hipersector TIC foi do 2,9%, o que se traduce en 228 mulleres empregadas máis que o ano precedente.

Ese incremento de traballadoras resulta similar no sector TIC e no sector contidos se falamos en termos porcentuais, sendo en ambos casos do 2,9%. Se consideramos números absolutos, o sector TIC creou máis postos de traballo cubertos por mulleres que o sector contidos, 165 e 63 respectivamente.

Estas son algunhas das conclusións recollidas nunha nova edición do estudo temático “As mulleres e as TIC”, publicado hoxe polo Observatorio da Sociedade da Información e a Modernización de Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega).

O sector contidos rexistra a menor fenda de xénero do Hipersector TIC

No caso do Sector TIC, o número de mulleres afiliadas á Seguridade Social acadou as 5.899 traballadoras, cun incremento dun 2,9% respecto ao ano 2018. Non obstante, a fenda de xénero continúa a súa escalada debido ao maior crecemento do emprego masculino (5,3%).

Un ano máis o sector contidos rexistra a menor fenda de xénero do Hipersector TIC, aínda que a balanza continúa a favor do xénero masculino. A porcentaxe de mulleres neste sector sitúase no 41,5%, empregando un total de 2.220 mulleres.

Perfil das mulleres TIC en Galicia

O 70,9% das empresas TIC galegas contan con mulleres entre os seus traballadores, delas, unicamente no 9,3% máis da metade do persoal son mulleres.

Respecto ás funcións desenvolvidas nas empresas TIC galegas, o 16,4% das mulleres desenvolven tarefas especificamente TIC, fronte ao 49,8% dos homes. Por outra banda, o 19,4% das empresas TIC galegas contan con mulleres en postos de dirección

En canto á formación, mentres que o 22,1% dos traballadores do sector TIC son homes que contan cunha titulación TIC superior ou media, unicamente o 8,6% das mulleres atópanse na mesma situación formativa. No caso dos ciclos formativos superiores TIC, cabe salientar os 16 puntos porcentuais de fenda de xénero existente, a maior de todos os niveis formativos.


Poden consultarse os datos deste informe na seguinte ligazón: www.osimga.gal
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/08/2020