O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións entregou ao alcalde o distintivo nun acto no que tamén participou o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos
Sanxenxo convértese no primeiro concello de Galicia declarado territorio de preferente actuación turística

Culmínase así un proceso iniciado polo propio concello hai un ano e que supón a aprobación dun Plan de Actuación Integral que ordene os seus recursos

Román Rodríguez salientou o avance que este recoñecemento supón para Galicia, que dá “un paso máis para afondar no seu modelo turístico sustentable”

Telmo Martín subliñou a súa aposta por “seguir consolidando o municipio como primeiro destino do norte de España cun plan integral”

A Xunta contribuirá a impulsar este destino enfocado ao turismo familiar e deportivo coa intención de seguir desestacionalizando a súa demanda turística
 

Sanxenxo (Pontevedra), 27 de xullo de 2020

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, xunto co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, e o presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo, Alfonso Martínez, participaron hoxe no acto de declaración da vila de Sanxenxo como o primeiro territorio de preferente actuación turística de Galicia. É unha figura tipificada na Lei de Turismo que ata o de agora non se desenvolveu e que, polo tanto, non posúe ningún outro concello da Comunidade dados os elevados e especiais criterios que deben cumprir para proceder a súa solicitude.

O representante da Xunta de Galicia salientou o avance que esta distinción supón para Sanxenxo, e tamén para o resto de Galicia, no obxectivo de “afianzar o noso modelo turístico sustentable e ordenado”. Grazas a recursos como as súas praias, portos deportivos, talasos e spas, campos de golf ou mesmo a súa pegada xacobea coa Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, esta vila ten xa, afirmou, “un modelo de éxito” que está a facer que Sanxenxo chegue a multiplicar a súa poboación especialmente en época estival.

Por iso, engadiu, a declaración como territorio de especial actuación turística suporá “máis seguridade xurídica” para Sanxenxo e a posta en marcha de máis ferramentas para “facer desta vila un lugar mellor para visitar e tamén para vivir”, indicou. Neste sentido, salientou como un dos principais retos desta localidade nesta nova etapa o de fortalecer o seu papel como destino familiar e lugar que visitar fóra de tempada.

Saúde, medio ambiente e seguridade

Para dar resposta a estas novas necesidades, o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións avanzou que a Xunta colaborará co concello de Sanxenxo no impulso do turismo deportivo, axudando a crear unha rede de itinerarios en augas abertas que combinen turismo, deporte e medio ambiente. Tamén se crearán sendeiros saudables a través da organización de eventos deportivos e accións para o desfrute das familias e se apoiará nas necesidades de limpeza, seguridade ou mellora de accesos ás praias.

“En momentos difíciles como os que estamos a vivir é fundamental seguir avanzando na sustentabilidade do noso destino tendo moi en conta que a colaboración entre administracións é agora máis importante que nunca”, subliñou.

Pola súa banda, o alcalde, Telmo Martín, recoñeceu que este ano está a ser “moi difícil para a actividade turística de Sanxenxo”. Neste contexto, subliñou o esforzo “sen precedentes” do Concello cunha inversión de 1,6 millóns de euros para o reforzo da plantilla e a posta a punto en praias e outros espazos. Un esforzo, incidiu Martín, que trouxo “tan boas noticias como tres novas bandeiras azuis e un distintivo especial en Salvamento”. “A declaración de Sanxenxo como territorio de preferente actuación turística é, sen dúbida, a mellor noticia que podíamos ter e que nos permitirá seguir consolidando o municipio como primeiro destino turístico do norte de España cun plan de actuación integral”, concluíu o rexedor.

No acto tamén estiveron presentes varios representantes do sector turístico da vila, aos que aproveitou para agradecer o esforzo e sacrificio que están facendo como consecuencia da crise sanitaria da covid-19. Felicitou, ademais aos profesionais do concello pola posta en marcha da súa nova campaña de promoción Sanxenxo Volve.

Declaración específica

A declaración de territorios de preferente actuación turística que vén de obter Sanxenxo está tipificada xa na Lei de Turismo de Galicia. Identifica a aqueles territorios que deben cumprir uns esixentes e específicos criterios e que, polas súas especiais características, demanda tamén unha actuación singular das administración públicas.

Co acto celebrado esta mañá, culmínase un proceso iniciado en setembro de 2019 polo Concello, quen solicitou á Xunta de Galicia esta declaración. Tras ter pasado todos os trámites, incluíndo a información aos membros do Consello Galego de Turismo, Sanxenxo oficializou hoxe este recoñecemento que supón a posta en marcha dun Plan de Actuación Integral, unha folla de ruta con recursos económicos e prazos de execución que permitirá mellorar os seus equipamentos turísticos e ordenar a súa actividade neste ámbito.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/07/2020