Galicia é a 2ª comunidade onde máis medrou o PIB per cápita en 2019 e acada a maior converxencia en renda con España da serie histórica, un 90,9%

O Instituto Nacional de Estadística (INE) publica hoxe os primeiros datos da Contabilidade Rexional do exercicio 2019

Segundo o INE, en termos constantes o PIB de Galicia medrou en 2019 un 1,93%, o sexto maior aumento de España e cinco centésimas por baixo da media (1,98%)

En prezos correntes o PIB de Galicia medrou un 3,67%, oito centésimas máis que a media española (3,59%)

Santiago de Compostela, 27 de xullo de 2020

Galicia é a segunda comunidade autónoma que rexistrou maior incremento do PIB per cápita no exercicio 2019, e isto permitiu acadar un nivel de converxencia en renda con España do 90,9%, que é o maior de toda a serie histórica, segundo indican os datos de Contabilidade Rexional publicados hoxe polo Instituto Nacional de Estadística (INE).

No ano 2019, o PIB per cápita de Galicia medrou un 3,67% respecto ao ano anterior, ao pasar de 23.183 a 24.034 euros. Isto supón o segundo maior avance de todas as comunidades autónomas, só superado pola Comunidade Foral de Navarra (4,15%) e nove décimas superior á media española (2,76%).

Con esta evolución, o PIB per cápita de Galicia pasa a representar o 90,91% da renda española. Este é o maior nivel de converxencia en renda con España de toda a serie histórica, e tamén é o segundo ano consecutivo en que se supera a barreira do 90%, un feito que se produciu por primeira vez no ano 2018 (90,11%).

Ademais, en termos constantes a variación de volume do PIB de Galicia en 2019 foi do 1,93%, o sexto maior incremento de España tras Navarra (2,83%), Madrid (2,46%), Valencia (2,29%), Murcia (2,25%) e Andalucía (2,14%). Pola contra, outras 11 comunidades rexistraron unha variación interanual do PIB inferior a Galicia, que se situou cinco centésimas por baixo da media española (1,98%) e máis de 4 décimas por riba da media de UE-28 (1,5%). En prezos correntes, o PIB de Galicia medrou o pasado ano un 3,67%, oito centésimas por riba de media española (3,59%) e o quinto maior incremento de España.

Os datos da Contabilidade Rexional publicados hoxe polo INE indican tamén que Galicia é a comunidade autónoma onde máis aumentou o PIB per cápita neste século. De feito, o incremento do PIB per cápita desde o ano 2000 en Galicia é do 93,8%, case 30 puntos máis que a media española, que medrou un 65,5% neste mesmo período.

Tendo en conta a última década, Galicia é a segunda comunidade con maior incremento do PIB per cápita, cun crecemento do 18,2% respecto a 2009. Este aumento só é superado por Extremadura (19,6%) e está por riba da media das comunidades autónomas (14,6%).

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 27/07/2020