Galicia mostra ante a Fundación Philippe Cousteau a súa aposta pola sustentabilidade marítima nos eidos ambiental, económico e social
A Coruña, 28 de xullo de 2020

A secretaria xeral técnica da Consellería do Mar, Isabel Concheiro, trasladou hoxe o compromiso de Galicia coa sustentabilidade no eido marítimo desde a tripla perspectiva medioambiental, económica e social e incidiu na necesidade de seguir traballando nesta liña co obxectivo de coidar o mar e garantir o futuro dos profesionais que viven del. Neste sentido, e durante a presentación da Fundación Philippe Cousteau Unión dos Océanos, a representante da Xunta subliñou a necesidade de apostar polas enerxías renovables e por outras medidas como a redución e reciclaxe dos residuos mariños converténdoos en recursos útiles.

Isabel Concheiro puxo tamén os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) como exemplo de boas prácticas na busca dunha Galicia máis verde e azul e lembrou que se trata duns instrumentos útiles, socialmente responsables e ambientalmente sustentables para a xeración de emprego e iniciativas innovadoras empresariais no litoral galego. A Fundación Philippe Cousteau, creada en 1999 e que ten entre os presidentes institucionais do seu padroado ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, pretende lograr coa súa presentación na Coruña que Galicia se adhira á súa declaración en favor da solidariedade no mar e do crecemento sustentable verde e azul.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 28/07/2020