O turismo en Galicia baixa en xuño nove puntos menos que no conxunto de España cun total de 75.000 viaxeiros

Os datos do Instituto Nacional de Estatística difundidos hoxe apuntan a unha caída da demanda do 83% na Comunidade fronte ao 92% da media nacional

Tras o estado de alarma, o número de establecementos de aloxamento abertos duplícase e pasa de 837 en maio aos máis de 1.800 no mes de xuño
 

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020

A actividade turística baixou en xuño en Galicia nove puntos menos que no resto de España, rexistrándose unha caída dun 83% fronte a un 92% no resto de comunidades. Así, malia que o sector atravesa un momento de gran dificultade pola situación sanitaria, as cifras do Instituto Nacional de Estatística (INE) amosan os primeiros síntomas de reactivación tras o estado de alarma, cando a actividade foi practicamente nula debido ao peche xeneralizado.

Desde maio, coincidindo co progresivo levantamento das limitacións de mobilidade, o conxunto dos establecementos regrados -que inclúen hoteis, pensións, casas de turismo rural, cámpings e apartamentos- pasaron de recibir 6.759 viaxeiros en maio a 74.895 en xuño e de 20.102 pernoitas a 175.128. Tamén aumentaron os negocios que abriron as súas portas, pasando de 837 en maio a un total de 1.880 no mes de xuño.

Na comparativa interanual, a caída de xuño afectou especialmente ao mercado internacional. A maior parte dos viaxeiros que escolleron Galicia, en concreto dous terzos da demanda turística, optaron por aloxarse en establecementos hoteleiros.

Malia que os datos distan da evolución dos últimos anos, Galicia sitúase como a quinta comunidade con rexistros máis elevados, superando a Baleares a Canarias, que suman 48.440 viaxeiros conxuntamente na totalidade dos seus establecementos turísticos.

Desde a Xunta mantense o compromiso de reforzar a colaboración público-privada no actual contexto sanitario. De feito, está en marcha o Plan de Reactivación do sector turístico con accións como Galicia destino seguro, dotado con 8M€, que inclúe formación, axudas para a súa adaptación, un servizo de asesoramento e diferentes colaboracións con asociacións profesionais para impulsar novos produtos adaptados.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/07/2020