Galicia iniciará unha experiencia piloto no mes de agosto a través da aplicación móbil ‘PassCOVID’ para que os cidadáns poidan acceder a toda a información sobre a pandemia

Feijóo avanza que esta aplicación podería implementarse no mes de setembro despois de ser testada en agosto, nun grupo pechado de persoas, e presentada ao Goberno central

Sinala que sería completamente voluntaria e mantería a privacidade dos usuarios, que poderán ser tanto residentes en Galicia como viaxeiros

Esta aplicación permitirá identificar o nivel de risco transmisor do usuario fronte á covid-19

A persoa que descargue a app poderá optar por identificarse, empregando a Chave 365, ou escoller un perfil anónimo
 

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020

O presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que Galicia iniciará no mes de agosto unha experiencia piloto nun grupo pechado de persoas a través da nova aplicación para o móbil ‘PassCOVID’. En base aos datos do Servizo Galego de Saúde, esta aplicación permitirá identificar o nivel de risco transmisor da persoa usuaria fronte á covid-19 e facilitar a xeración de alertas aos contactos indicados por esta no caso de dar positivo nunha proba PCR.

Logo de testar este novo sistema en agosto, Feijóo sinalou que en setembro se valorará a posibilidade de implementalo para que tanto os residentes en Galicia como os viaxeiros poidan descargala nos seus dispositivos móbiles. No caso de que se chegue a implementar, precisou que PassCOVID será sometida a consideración do Consello interterritorial de Saúde.

O presidente da Xunta en funcións fixo fincapé en que este sistema será completamente voluntario. Así, a persoa que descargue a aplicación poderá optar por identificarse empregando o sistema de identificación seguro Chave 365, o que lle permitirá acceder a todas as funcionalidades de PassCOVID; ou escoller un perfil anónimo, en cuxo caso a aplicación lle proporcionará información xeral e consellos sobre a situación da pandemia.

Deste xeito, a información será personalizada, no caso dos perfís identificados; e local, no caso dos usuarios que activen voluntariamente a xeolocalización. Isto último permitiralles recibir alertas sanitarias da zona de Galicia na que se atopen.

PassCOVID tamén servirá de canle de comunicación entre o sistema público de saúde e os cidadáns con información sobre novidades e evolución da pandemia; zonas de risco; datos; indicadores xerais e por concello; recursos e servizos dispoñibles; e recomendacións e información sobre protocolos de protección e seguridade aplicables en cada momento e lugar.

O titular da Xunta en funcións avanzou que esta nova aplicación podería, ademais, contar con novas funcionalidades en seguintes versións, como a coordinación coa aplicación estatal RadarCOVID. Esta última identifica contactos detectados automaticamente pola app, mediante a aplicación de tecnoloxías de proximidade.

Tamén, no caso dos establecementos de restauración, estase a traballar para que o cidadán poida rexistrar na aplicación PassCOVID o establecemento no que estivo a través dun código QR. Así, no caso de que a Administración identificase algún positivo ou contaxio no local, activaría unha alarma aos usuarios da aplicación.

A previsión é publicar a orde na que se determinará o marco regulatorio do sistema PassCOVID na próxima semana.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 30/07/2020