A Xunta destaca en Mostrart o apoio ao sector artesán e a importancia da formación e o uso das novas tecnoloxías

A directora xeral de Comercio, Sol Vázquez Abeal, xunto coa xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiron hoxe na Coruña á inauguración deste encontro, no que participan un total de 29 artesáns

A feira de artesanía é unha das máis antigas de Galicia e unha das máis importantes a nivel nacional
 

A Coruña, 30 de xullo de 2020

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, asistiu hoxe, xunto coa xerente da Fundación Pública Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, á inauguración da XXXVI edición da feira de artesanía Mostrart, que se poderá visitar ata o 13 de agosto no Paseo das Palmeiras da Coruña, dando visibilidade aos oficios artesanais de Galicia. Nesta ocasión, a feira contará coa participación dun total de 29 obradoiros artesáns de diferentes puntos da Comunidade, que permitirán aos visitantes achegarse a oficios como a xoiería e bixutería, téxtil, coiro, madeira, cerámica, vidro, serigrafía, decoración de teas ou elaboración de bonecos.

Esta mostra de artesanía, unha das máis antigas de Galicia, consolidouse ao longo destes 36 anos como unha feira profesional de referencia na Comunidade galega e unha das máis importantes a nivel nacional.

Vázquez destacou as actuacións previstas pola Xunta para promocionar e dinamizar o sector de cara a acadar un mellor posicionamento no mercado e adaptarse ás actuais circunstancias socioeconómicas. Así, expuxo as novas liñas de axudas dirixidas ao sector artesán entre as que puxo en valor a convocatoria de novos cursos formativos que melloren a profesionalización dos artesáns no que se refire ao uso de novas ferramentas dixitais e de xestión demandadas polo sector.

Participantes en Mostrart

Os obradoiros de xoiería e bixutería correrán a cargo de Amorei, de Arcade (Pontevedra); Ardentía, Deseño en Prata, de Bergondo (A Coruña); Joyas de Papel, de Nigrán (Pontevedra); Paznavas, da Coruña; Rosa Higuero, de Cabanas (A Coruña); Sánchez Cano Orfebres, de Vigo; Silvereira, de Teo (A Coruña); Xakarandá, de Marín (Pontevedra); Zimzelatum, de Gondomar (Pontevedra); e a colareira Montse Betanzos, do Grove (Pontevedra).

En representación da artesanía en madeira acudiron este ano Armaior, de Quiroga (Lugo) e Flecharte, de Vigo. Do téxtil, Artefíos, da Coruña; Cuaderna Maestra, de Pontecaldelas (Pontevedra); Liño de Galicia de Zas (A Coruña); e Merinas, de Castelldefels (Barcelona).

O coiro e marroquinería está presente nos postos de Bruxarte, de Vigo; Chueco, da Coruña; CoIRaxe, de Vigo; Cuero y Alma, de Madrid; Encoiros, de Vigo; Jatafarta, de Santiago de Compostela; Manolo Cremallera, da Coruña; e Santín, de Cambre (A Coruña).

A feira conta tamén coa participación do obradoiro de serigrafía artística Arteia–Estudio de Artexo (A Coruña); o de cerámica Regal Cerámica Artesán, de Viveiro (Lugo); o vidro de Polo Enríquez, de Cambre (A Coruña); a decoración de teas de Patapum, de Quiroga (Lugo); e a elaboración de bonecos de Lucecús, de Guitiriz (Lugo).
 

Data de actualización: 30/07/2020