A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h de hoxe

Desactivada a Situación 2 no incendio do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, que afecta provisionalmente unhas 1.000 hectáreas

Activo un lume no municipio pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Riobó, que segundo as primeiras estimacións afecta unhas 20 hectáreas de superficie

Extinguido o incendio do concello ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz, que afectou 720 hectáreas (420 forestais e 300 agrícolas)
 

Santiago de Compostela, 30 de xullo de 2020.- A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 19,30 h. de hoxe.

Cualedro
Desactivada a Situación 2 no incendio do concello ourensán de Cualedro, parroquia de San Millao, que se decretara de xeito preventivo a pasada tarde pola proximidade do lume ao núcleo de San Cristovo, pertencente ao municipio de Monterrei. O incendio, que se iniciou onte ás 14,15 h. en cando menos dous puntos diferentes simultáneos, permanece activo.

Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 1.000 hectáreas, nas cales hai parte agrícola e forestal. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para a súa extinción lévanse mobilizado 1 técnico, 23 axentes, 68 brigadas, 22 motobombas, 4 pas, 13 helicópteros e 13 avións, ademais de efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Rodeiro
Activo dende as 15,26 h. desta tarde un lume no concello pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Riobó, que segundo as primeiras estimacións afecta unha superficie provisional dunhas 20 hectáreas. Para o control deste incendio lévanse mobilizado 4 axentes, 11 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 5 helicópteros e 6 avións.

Monterrei
Extinguido ás 17,18 h. desta tarde o lume do concello ourensán de Monterrei, parroquia de Flariz, que se iniciara o pasado venres. Segundo a última medición, a superficie afectada foi de 720 hectáreas. Delas, 420 son forestais (370 rasas e 50 arboradas) e as restantes 300 ha son agrícolas. Para a extinción deste incendio mobilizáronse en total 4 técnicos, 34 axentes, 89 brigadas, 36 motobombas, 2 pas, 9 helicópteros e 12 avións, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).


A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

 

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 30/07/2020