O custo laboral en Galicia volveu acadar en 2019 o máximo nivel de converxencia con España de toda a serie histórica

Este indicador situouse en Galicia no 91,2% da media española, segundo mostra un estudo do IGE publicado hoxe

O custo laboral bruto por traballador superou por primeira vez os 29.000 euros, o que tamén supón a cifra máis alta da serie histórica

Galicia é a segunda comunidade onde máis medrou este indicador en 2019, cun incremento do 3,8% sobre o ano anterior, superior á media española (2,4%)
 

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2020

O custo laboral bruto en Galicia no ano 2019 representou o 91,22% da media española, o que supón o máximo nivel de converxencia de toda a serie histórica, segundo mostran os datos do Estudo sobre Salarios publicado hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE).

O custo laboral bruto por traballador en Galicia aumentou en 2019 ata os 29.041,1 euros, o que tamén representa a cifra máis alta de toda a serie histórica. Ademais, é a primeira vez que en Galicia supera os 29.000 euros.

Respecto á evolución por sectores, en Galicia o custo laboral bruto na industria representa o 92,8% da media española, fronte ao 99,5% no sector da construción e do 88,8% no sector servizos. O informe do IGE tamén inclúe datos sobre a súa estrutura, de xeito que o custo laboral bruto está conformado polos soldos e salarios (21.173,4 euros); cotizacións obrigatorias (7.010,5); os beneficios sociais (376,4); as indemnizacións por despedimento (103,2); os gastos en formación profesional (64,5) e os gastos derivados do traballo, que supoñen 304,4 euros.

En canto á evolución interanual, Galicia é a segunda comunidade autónoma –tras Aragón- onde máis medrou o custo laboral bruto en 2019. En concreto, este indicador medrou en Galicia un 3,8%, fronte ao crecemento do 2,4% da media española.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Facenda
Data de actualización: 31/07/2020