Máis de 2.800 familias con dificultades económicas acceden á tarxeta básica no seu primeiro mes de implantación

Esta cantidade de tarxetas outorgadas supón case dous millóns de euros en axudas para os vindeiros tres meses que beneficiarán a unhas 6.000 persoas

O 40% das tarxetas concedidas ata o momento diríxense a familias de tres ou máis membros

A tarxeta ten unha duración inicial de tres meses e a súa contía oscila, en función da composición familiar, entre os 450 e os 900 euros trimestrais
 

Santiago de Compostela, 1 de agosto de 2020

Un total de 2.846 fogares galegos con dificultades económicas accederon este mes á Tarxeta básica para a compra de alimentos, produtos de hixiene e de farmacia que o Goberno galego puxo en marcha en colaboración con Cruz Vermella. Isto supón que, cando se cumpre o primeiro mes de implantación desta medida, a Xunta ten outorgadas axudas para os vindeiros tres meses por valor de case dous millóns de euros.

A tarxeta ten unha duración inicial de tres meses e recárgase automaticamente mes a mes. A súa contía oscila entre os 450 e os 900 euros trimestrais, en función do número de membros da unidade familiar. Ata o momento, o 40% das tarxetas concedidas diríxense a familias de tres ou máis persoas —con 300 euros mensuais—. Un 35% das tarxetas destínanse a familias dunha única persoa —de 150 euros ao mes— e o 25% restante correspóndense coas outorgadas a familias de dúas persoas —con 200 euros de saldo cada mes—. En función destes criterios de composición familiar, as preto de 2.900 tarxetas básicas concedidas benefician xa a un mínimo de 6000 persoas.

Esta iniciativa encádrase no Plan de recuperación social de Galicia aprobado co fin de atender ás necesidades máis urxentes xurdidas como consecuencia da covid-19. As tarxetas poden solicitarse nas sedes comarcais de Cruz Vermella ou a través dos servizos sociais dos concellos por medio dun trámite sinxelo; e o tempo medio de espera para recibila é de tres días. Trátase de que as galegas e galegos con dificultades poidan facer uso da tarxeta no menor tempo posible e recuperarse así das consecuencias económicas xeradas pola emerxencia sanitaria da covid-19.

Unha das principais características desta tarxeta é que non estigmatiza ás persoas que reciben axudas sociais, xa que permite ás persoas con baixos ingresos que están a atravesar dificultades económicas beneficiarse desta axuda de maneira anónima.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 01/08/2020