A Xunta repartirá preto de 2,7 millóns de euros entre unha trintena de áreas de rehabilitación integral en 17 concellos

Estes fondos sumaranse aos 1,73 millóns destinados ás ARI dos Camiños de Santiago, das Illas Atlánticas e da Ribeira Sacra, xestionadas polo IGVS

 

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2020-. Un total de 17 concellos presentaron as súas solicitudes para optar ao reparto de fondos destinados ás áreas de rehabilitación integral (ARI) en virtude da resolución publicada no DOG o pasado 30 de xuño. Deste xeito, a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda destinará 2.665.741,81 euros ás actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas, urbanización e reurbanización nas 29 ARI para as que pediron financiamento.

 

A Xunta distribuirá os fondos dispoñibles en función das solicitudes presentadas polos municipios e tendo en conta o cumprimento dos obxectivos de convenios anteriores. Despois do reparto, asinaranse acordos específicos con cada un dos concellos participantes.

 

Unha vez realizada a distribución de fondos e subscritos os correspondentes convenios, os concellos deberán proceder á convocatoria das axudas, ás que poderán optar os propietarios das vivendas a rehabilitar.

 

O importe das subvencións estatais non poderán exceder do 40% do custo subvencionable da actuación. Este límite poderá alcanzar ata o 75% cando os ingresos da unidade de convivencia residente sexan inferiores a tres veces o IPREM e tamén cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade ou cando se acredite que na unidade de convivencia promotora da actuación e residente na vivenda ou edificio, existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos. O importe máximo da axuda por vivenda será de:

 
  • 12.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación para actuacións de mellora da eficiencia enerxética e sustentación en vivendas, con redución da demanda enerxética.
  • 8.000 euros para actuacións de conservación, da mellora na seguridade de utilización e da accesibilidade en vivendas.
  • 30.000 euros por cada vivenda construída en substitución doutra previamente demolida.
  • 2.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación e/ou por cada vivenda construída para actuacións de mellora da calidade e sostibilidade do medio urbano.
  • 4.000 euros anuais, por unidade de convivencia a realoxar, durante o tempo que duren as obras e ata un máximo de tres anos para as actuacións de realoxo temporal.
 

As axudas incrementaranse nun 25%, cando as persoas beneficiarias sexan menores de 35 anos e as actuacións se realicen en concellos de menos de 5.000 habitantes.

 

O importe das axudas autonómicas terán unha contía máxima de 4.000 euros por cada vivenda obxecto da actuación de rehabilitación ou renovación, sen que a subvención poida exceder de o 10% do orzamento protexido de rehabilitación da vivenda ou do edificio

Os concellos recibirán por cada vivenda rehabilitada ou construída 2.500 euros (1.500€ da Xunta e 1.000€ do Ministerio) para financiar o custo de xestión e dos equipos e oficinas de planeamento, de información, de xestión e de acompañamento social.

 

No seguinte cadro detállanse as 29 áreas de rehabilitación integral para as que os 17 concellos solicitantes piden financiamento:

 
CONCELLO

ÁREA DE REHABILITACIÓN

Betanzos
Conxunto histórico de Betanzos
Corcubión
Casco histórico de Corcubión
Ferrol
Barrios históricos A Magdalena e Ferrol Vello
Barrio da Graña
Barrio Esteiro Vello
Barrio de Recimil
Santiago de Compostela
Casco histórico de Santiago de Compostela
Polígono de Vista Alegre

Grupos de Vivendas “Compostela e Cardeal Quiroga Palacios” do Barrio de Pontepedriña

Barrio de Vite
Noia
Casco histórico de Noia
Rianxo
Rianxo, Rianxiño e A Fincheira
Lourenzá
Casco antigo de Lourenzá e zonas de respecto
Mondoñedo

Casco histórico de Mondoñedo e barrios históricos de San Lázaro e Os Muíños

Monforte de Lemos
Conxunto histórico e zonas de respecto no concello de Monforte de Lemos
Sober
Concello rural Sober
Castro Caldelas
Conxunto histórico de Castro Caldelas
Ourense
Casco Histórico de Ourense
Núcleo de Seixalbo
Ribadavia
Casco histórico de Ribadavia
Casco antigo de San Cristovo
Vilar de Santos
Núcleo de Vilar de Santos
Pontevedra
Conxunto Histórico de Pontevedra
Núcleo de Estribela
Tui
Casco histórico de Tui
Vigo
Casco vello de Vigo
Casco histórico de Bouzas
Rúas Bueu-Moaña, Polígono de Coia
Grupo de casas Santa Clara. Cabral
 
Tres ARIs supramunicipais

Esta convocatoria non inclúe as áreas de rehabilitación integral dos Camiños de Santiago nin a das Illas Atlánticas ou a da Ribeira Sacra, as tres de carácter supramunicipal e xestionadas directamente polo Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) en lugar de polos concellos.

 

A convocatoria de axudas para a ARI dos Camiños de Santiago (que comprende 126 concellos das catro provincias) e a ARI das Illas Atlánticas (catro concellos) publicouse o 26 de febreiro, mentres que a da ARI da Ribeira Sacra (que abrangue 25 concellos de Lugo e Ourense) foi publicada o pasado 7 de xullo. En total, as tres ARI supramunicipais xestionadas polo IGVS dispoñen dun total de 1.730.000 euros na convocatoria de 2020.

 
 
Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/08/2020