A Xunta destaca en Outeiro de Rei o seu compromiso coa eficiencia enerxética e o respecto medioambiental fomentando a construción en madeira

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, visitou esta mañá unha vivenda promovida por Maderas Besteiro, a primeira da provincia de Lugo que aspira a obter o certificado Passivhauss

A Administración galega mantén aberto o prazo de solicitude para axudas que fomentan o uso da madeira na construción, rehabilitación e desenvolvemento de proxectos e produtos
 

Outeiro de Rei (Lugo), 4 de agosto de 2020

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria en funcións, Francisco Conde, visitou esta mañá en Outeiro de Rei unha vivenda construída por Maderas Besteiro, a primeira da provincia de Lugo que aspira a obter o certificado Passivhauss, e destacou o compromiso da Xunta coa eficiencia enerxética e o respecto medio ambiental a través do impulso da construción en madeira.

Conde explicou que esta aposta supón “un salto cualitativo, xa que permite xerar valor na cadea forestal a través de vivendas eficientes” e subliñou que promover a edificación en madeira é unha oportunidade tanto para a industria forestal como para o sector da construción ao utilizar un recurso autóctono: “Esta vivenda construída en madeira é un exemplo de eficiencia e de coidado medioambiental”, afirmou.

Maderas Besteiro, empresa familiar de terceira xeración, está sendo pioneira na aposta polos novos usos da madeira ligada á construción grazas ao impulso da innovación e ao seu esforzo por dar resposta ás novas demandas do mercado.

“Seguiremos traballando para que Galicia se posicione e marque a diferencia a través dun recurso autóctono como a madeira e afrontar, deste xeito, os retos de futuro en materia de sustentabilidade”, asegurou o conselleiro. Neste sentido, a Xunta mantén aberta a convocatoria de axudas Emprega Madeira, dirixidas a particulares, autónomos e empresas para a construción ou rehabilitación de vivendas, naves e locais comerciais, a fabricación de envases, embalaxe e expositores, e a redacción de proxectos en madeira. O obxectivo é fomentar o uso deste material autóctono e conseguir unha Galicia máis verde.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 04/08/2020