A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións supervisou as obras de mellora da seguridade viaria neste treito, entre a intersección coa estrada local a San Isidro e a glorieta dos Condes, polo que circulan uns 14.000 vehículos ao día
Ethel Vázquez avanza a posta en servizo da glorieta na AC-164 en Bergondo coa que finalizan as obras de eliminación do treito de concentración de accidentes cun investimento de 405.000 euros

A nova glorieta, na intersección coa estrada de San Isidro, permite realizar os xiros e os cambios de sentido en condicións de maior seguridade

Tamén se reformaron interseccións, coa execución de cuñas de cambios de velocidade para facilitar as saídas ou as incorporacións á estrada

Mellorouse o paso de peóns no acceso á Casa do Concello, reforzando os sinais e impedindo o aparcamento nos 10 metros anteriores co obxectivo de facelo máis visible para os condutores

Ademais limitouse a velocidade no treito, minorándoa a 40 km/hora na zona da nova glorieta e a 50 km/hora nos treitos entre as interseccións onde se ten actuado

Os traballos enmárcanse na Estratexia da Xunta para actuar en todos os treitos de concentración de accidentes existentes nas estradas autonómicas, á que destina un investimento superior aos 12 millóns de euros
 

Bergondo (A Coruña), 5 de agosto de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, avanzou hoxe a posta en servizo da nova glorieta da estrada autonómica AC-164, coa que finalizan as obras de eliminación do treito de concentración de accidentes que a Xunta executou neste punto da estrada, ao seu paso por Bergondo, e que supuxeron un investimento autonómico de 405.000 euros.

A titular de Infraestruturas da Xunta supervisou esta mañá, xunto coa alcaldesa da localidade, Alejandra Pérez, o remate da actuación de mellora da seguridade viaria levada a cabo neste punto e que, “a falta de pequenos detalles”, está practicamente finalizada, restando parte da sinalización, logo da posta en servizo definitiva da glorieta que se fai no día de hoxe.

Os traballos desenvolvéronse nun treito de 1 quilómetro, entre a intersección coa estrada local a San Isidro e a coñecida como glorieta dos Condes.

A principal intervención consistiu, precisamente, na execución da nova glorieta na intersección coa estrada a San Isidro, que permite realizar os xiros e os cambios de sentido dun xeito máis seguro, contribuíndo ao calmado de tráfico na zona.

Tamén se reformaron interseccións, con actuacións como a execución de cambios de velocidade para facilitar as saídas da estrada ou as incorporacións a ela e limitáronse os xiros á esquerda, que deberán facerse a través da nova glorieta habilitada.

Ademais, procedeuse á mellora do paso de peóns existente no acceso á Casa do Concello, reforzando os sinais e colocando os elementos necesarios para impedir o aparcamento de vehículos nos 10 metros anteriores, co obxectivo de facilitarlles aos condutores unha mellor visibilidade dos peóns que van cruzar a rúa.

De cara a reforzar a seguridade viaria, tamén se limitou a velocidade no treito, minorándoa a 40 km/hora na zona da nova glorieta e a 50 km/hora nos treitos entre as interseccións onde se ten actuado.

“Unha actuación importante”, en palabras de Ethel Vázquez, tanto desde o punto de vista da seguridade dos usuarios da estrada como polo seu investimento, xa que supuxo unha achega da Xunta de 405.000 euros, tendo en conta o pagamento das expropiacións das 14 fincas necesarias para poder executar as obras.

A titular de Infraestruturas e Mobilidade en funcións salientou que o obxectivo da actuación é reducir, todo o que sexa posible, os accidentes e as súas consecuencias, eliminando este punto catalogado como treito de concentración de accidentes nunha zona na que se sitúan moitos servizos e equipamentos: a Casa do Concello, o Centro de Saúde, Correos ou o cemiterio; e que rexistra unha intensidade de tráfico elevada, máis de 14.000 vehículos ao día, ademais de moitos movementos de peóns.

Ethel Vázquez lembrou que estes traballos se enmarcan na Estratexia do Goberno galego para actuar en todos os treitos de concentración de accidentes existentes nas estradas de titularidade autonómica, no marco do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, estratexia coa que se está a poñer especial énfase no reforzo da seguridade viaria e na redución da sinistralidade na rede de estradas da Xunta.

O Goberno galego destina máis de 12 millóns de euros a esta iniciativa coa que está a impulsar actuacións en 90 quilómetros de vías autonómicas para mellorar a seguridade e eliminar aqueles puntos que rexistran unha maior taxa de sinistralidade.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/08/2020