A Xunta executa traballos de conservación e limpeza no río Umia, nos concellos de Ribadumia, Cambados e Vilanova de Arousa

Estas tarefas estanse a desenvolver no citado río ao seu paso polas parroquias de Baión, Oubiña ou Ribadumia

Santiago de Compostela, 5 de agosto de 2020.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de iniciar os traballos de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do río Umia, nos Concellos de Cambados, Ribadumia e Vilanova de Arousa.

Estas tarefas estanse a desenvolver no citado río ao seu paso polas parroquias de Baión, en Vilanova de Arousa; de Oubiña, en Cambados; ou en Ribadumia.

As actuacións céntranse na retirada de árbores, pólas e madeira morta na canle, na roza selectiva da maleza e na eliminación de canas.

As obras enmárcanse no programa de mantemento, conservación e mellora que realiza Augas de Galicia no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial da zona Galicia-sur.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade mantén activas as actuacións para a mellora dos leitos fluviais e para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 05/08/2020