A Xunta concede novas axudas de promoción da igualdade a tres concellos da provincia de Ourense

Trátase da segunda ampliación que fai a Xunta desta convocatoria, que suma en toda a provincia 1,4 millóns de euros

Os beneficiarios desta segunda ampliación son Vilar de Barrio, Petín e Ramirás
 

Ourense, 6 de agosto de 2020

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución coas axudas correspondente á segunda ampliación de crédito da convocatoria da Xunta para promover a igualdade entre os concellos galegos. Grazas a este segundo incremento, a Administración autonómica vén de conceder novas axudas a tres concellos da provincia. En concreto, recibirán financiamento para programas de conciliación Vilar de Barrio (12.000 euros) e Petín (4.900 euros); e para promoción da igualdade e prevención da violencia de xénero Ramirás (7.900 euros) e tamén Petín (2.400 euros).

Dentro da colaboración fluída cos concellos, a Xunta ampliou en dúas ocasións a convocatoria para promover a igualdade, facendo especial fincapé nas axuda á conciliación, que son unha das máis demandadas.

En concreto, esta convocatoria de axudas conta con catro liñas: as xa mencionadas axudas á conciliación e á promoción da igualdade, que se suman ao financiamento dos Centros de Información á Muller (CIM) e á de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres. A convocatoria está cofinanciada polo Fondo Social Europeo e o Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Na provincia de Ourense, ao abeiro destas catro liñas de axudas, resultaron beneficiarias inicialmente un total de 60 entidades locais que integran un total de 74 concellos, cun importe de máis de 1,4 millóns de euros.

En concreto, 16 entidades locais e un total de 29 concellos (Allariz, Barbadás, Boborás, Carballeda de Avia, Laza, Lobios, Maceda, Melón, A Mezquita, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, A Pobra de Trives, Taboadela, Vilar de Santos, Ramirás e Petín; e as mancomunidades de Municipios da Comarca de Verín e a de Terra de Celanova) recibiron axudas do programa de promoción da igualdade, para levar a cabo accións orientadas a mellorar a situación das mulleres vítimas de violencia de xénero, das súas fillas e fillos e das persoas delas dependentes, así como actuacións para loitar contra a explotación sexual. Tamén resultaron beneficiarios os 15 Centros de Información á Muller que hai na provincia.

Ademais, 45 entidades locais (incluídas dúas mancomunidades) que suman 54 concellos recibiron axudas a través do programa de sensibilización, información e difusión sobre igualdade; e, por último, 29 entidades locais foron as beneficiadas para a realización de programas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar. Concretamente 28 concellos (Avión,Baños de Molgas, Boborás, Castrelo do Val, Coles, Lobios, Melón, Monterrei, Muíños, Oímbra, O Pereiro de Aguiar, A Peroxa, Piñor, Porqueira, Rairiz de Veiga, Ribadavia, A Veiga, Verín, Viana do Bolo, Vilamarín, Xinzo de Limia, Maceda, Ramirás, Vilar de Santos, Esgos, Toén, Vilar de Barrio e Petín) e a mancomunidade Terra de Celanova.

A Xunta destina en toda Galicia a esta convocatoria máis de 6,6 millóns de euros, o que supón 1,3 millóns de euros máis do que se investiu para este mesmo fin en 2019. Ademais, e tamén destinada aos concellos, a Xunta investiu este ano 1,4 millóns de euros nas axudas para o fomento da contratación de mulleres que sofren violencia de xénero, tamén ao abeiro do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero. Por tanto, a colaboración do Goberno galego cos concellos galegos ascende a 8 millóns de euros.

 

Data de actualización: 06/08/2020