A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 09,00 h de hoxe

Permanece activo o lume do municipio ourensán de Lobios, parroquia de Manín, no que faleceu o piloto dun hidroavión portugués e o copiloto resultou ferido, e que afecta unhas 350 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

No mesmo parque natural, segue estabilizado o incendio do concello de Muíños, parroquia de Requiás, cunhas 50 hectáreas afectadas, e permanece controlado o de Lobeira, parroquia da Fraga, que afecta unhas 30 hectáreas

Estabilizado o lume do municipio ourensán de Toén, parroquia de Moreiras, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 250 hectáreas

Continúa controlado o lume do municipio lucense de Navia de Suarna, parroquia de Son, que afecta unha superficie provisional dunhas 95 hectáreas

Extinguido o incendio do concello coruñés de Lousame, parroquia de Tállara, que segundo as últimas medicións afectou unha superficie de 51,58 hectáreas
 

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais rexistrados con datos recollidos ata as 09,00 h. de hoxe.

Lobios

Segue activo, dende as 8,00 h. de onte, o incendio do concello ourensán de Lobios, parroquia de Manín, no que faleceu unha persoa e outra resultou ferida ao accidentarse un hidroavión do operativo de extinción portugués. O helicóptero Pesca I da Xunta desprazouse ao lugar para asistir aos ocupantes da aeronave. O ferido, que sufriu varios politraumatismos, foi trasladado a un hospital portugués por un helicóptero medicalizado do país veciño.

Segundo as últimas estimacións, o lume afecta unhas 350 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. No seu control levan traballado 1 técnico, 8 axentes, 19 brigadas, 8 motobombas, 2 pas, 9 avións e 9 helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Muíños

Permanece estabilizado, dende as 00,43 h. de onte, o incendio do concello ourensán de Muíños, parroquia de Requiás, que se rexistrou a tarde do venres no mesmo lugar onde quedaran extinguidos outros dous lumes a madrugada anterior. Segundo as últimas estimacións, o incendio afecta unhas 50 hectáreas provisionais do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción lévanse mobilizado 5 axentes, 19 brigadas, 11 motobombas, 1 pa, 9 avións e 7 helicópteros.

Lobeira

Segue controlado, dende as 23,14 h. do venres, o incendio rexistrado na madrugada dese mesmo día no concello ourensán de Lobeira, parroquia da Fraga. Tamén afecta o Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés e, segundo as últimas estimacións, rolda unhas 30 hectáreas de monte raso. Para o seu control mobilizáronse ata o momento 8 axentes, 18 brigadas, 10 motobombas, 1 pa, 4 avións e 2 helicópteros.

Toén

Estabilizado dende as 20,14 h. de onte o incendio do concello ourensán de Toén, parroquia de Moreiras. Iniciouse a tarde do venres e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 250 hectáreas. Para a súa extinción lévanse mobilizado 2 técnicos, 13 axentes, 34 brigadas, 25 motobombas, 3 pas, 12 avións e 9 helicópteros, así como efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Navia de Suarna

Segue controlado, dende as 19,06 h. de onte, o lume do municipio lucense de Navia de Suarna, parroquia de Son. Comezou a noite do venres e, segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie provisional dunhas 95 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 1 técnico, 8 axentes, 26 brigadas, 16 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

Lousame

Extinguido ás 23,41 h. desta noite pasada o incendio do concello coruñés de Lousame, parroquia de Tállara. O lume orixinárase na madrugada anterior en dous focos simultáneos e, segundo as últimas medicións, afectou unha superficie de 51,58 hectáreas: 27,58 de monte raso e 24 arboradas. Para a súa extinción mobilizáronse en total 9 axentes, 19 brigadas, 14 motobombas, 2 pas, 1 avión e 2 helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 09/08/2020