As organizacións de produtores pesqueiros de Galicia dispoñen de máis de 3,3 millóns de euros en axudas para os seus plans de produción e comercialización

O ‘Diario Oficial de Galicia’ vén de publicar a convocatoria de achegas de 2020 para a preparación e aplicación dos seus plans de produción e comercialización

Son obxecto de subvención aqueles investimentos realizados no período que vai do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2019

A titular de Mar en funcións salienta a importancia das OPP para o desenvolvemento das vilas costeiras galegas e para a mellora da economía da súa contorna
 

A Illa de Arousa (Pontevedra), 13 de agosto de 2020

A conselleira do Mar en funcións, Rosa Quintana, mantivo hoxe un encontro con representantes da Organización de Produtores de Mariscos e Cultivos Mariños da Provincia de Pontevedra (OPP-20) e da confraría de pescadores onde destacou a importancia das organizacións de produtores pesqueiros (OPP) para o desenvolvemento económico das vilas costeiras galegas. Durante a súa visita lembrou tamén que o Diario Oficial de Galicia publicou esta semana as bases reguladoras e a convocatoria de 2020 para a concesión de axudas ás OPP e asociacións de organizacións de produtores pesqueiros coas que apoiar a preparación e aplicación dos plans de produción e comercialización aprobados e executados durante o exercicio 2019.

A Consellería do Mar destina a esta liña de achegas algo máis de 3,3 millóns de euros, cofinanciados co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), e dela poderán beneficiarse as organizacións de produtores pesqueiros e as asociacións de organizacións de produtores de Galicia inscritas no Rexistro de Organizacións de Produtores Pesqueiros e Asociacións de Organizacións de Produtores.

A titular de Mar en funcións explicou que esta liña de apoio aos plans de produción e comercialización ten como obxecto subvencionar os investimentos realizados durante o período de execución do plan, entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro 2019, así como os derivados da preparación do mesmo. Entre os gastos susceptibles de contar con achegas inclúense os de persoal, material, equipamento ou desprazamentos vencellados ao desenvolvemento do plan.

De feito, un exemplo das accións subvencionables é o centro de estabulación de marisco instalado na lonxa da Illa de Arousa, unha das actuacións integradas no plan de produción e comercialización da OPP-20 para 2019 e que ten como obxectivo gardar o marisco (crustáceos e cefalópodos) e conservalo coa posibilidade de poxalo dous ou tres días despois da súa captura en función dos prezos que acade. O investimento nestes equipamentos superou os 85.000 euros.

As entidades interesadas en solicitar as axudas poden consultar os requisitos e a documentación necesarios na orde que publicou o DOG a comezos de semana. A presentación das solicitudes realizarase por medios electrónicos a través dos formularios normalizados dispoñibles na sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

As organizacións de produtores

O marco normativo europeo actual reforza as actividades das organizacións profesionais da pesca e da acuicultura e facilita a axuda financeira necesaria para que poidan desempeñar un cometido máis importante na xestión da pesca, exercendo as súas actividades pesqueiras e da acuicultura de forma sustentable e mellorando a comercialización dos produtos.

Os seus plans de produción e comercialización inclúen, entre outros aspectos, o programa de produción para as especies capturadas ou criadas, a estratexia para adaptar a cantidade, calidade e presentación da oferta ás esixencias do mercado e medidas preventivas especiais de adaptación da oferta para as especies que presentan dificultades de comercialización durante o ano. Por iso, a conselleira do Mar en funcións destacou a importancia do labor destas entidades para impulsar o desenvolvemento das vilas costeiras de Galicia e para a mellora da economía da súa contorna.
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 13/08/2020