Máis de 70 mulleres e os seus fillos e fillas poderán participar en estadías de tempo libre financiadas pola Xunta

A iniciativa está dirixida a mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas, tendo preferencia as vítimas de violencia de xénero

O obxectivo é facilitarlles un tempo desligado da súa situación habitual e no que intercambiar experiencias a través da convivencia nun espazo de lecer

As estadías, totalmente gratuítas para as beneficiarias, terán lugar entre o 31 de agosto e o 6 de setembro en concellos das catro provincias

Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2020.- Un total de 74 persoas, entre mulleres e os seus fillos e fillas, inscribíronse para participar no programa de estadías de tempo libre que financia a Xunta. Trátase dunha iniciativa dirixida a facilitar un tempo de lecer a mulleres soas con responsabilidades familiares non compartidas, preferentemente vítimas de violencia de xénero.

Este ano as estadías terán lugar entre o 31 de agosto e o 6 de setembro en concellos das catro provincias. Ademais da oportunidade de desprazarse a algún destes lugares, as beneficiarias contarán tamén con actividades como excursións e coa presenza de monitores que organizarán actividades lúdicas.

Cómpre ter en conta que, debido á crise sanitaria provocada pola covid-19, este ano tomáronse precaucións adicionais. Así, os grupos serán dun máximo de 15 persoas e as actividades lúdicas serán en espazos suficientemente amplos para cumprir todas as garantías de seguridade. Os medios de transporte estarán limpos e desinfectados e os monitores deberán ter coñecementos para adaptar as actividades ás medidas sanitarias.

Todos os custos de aloxamento, en réxime de pensión completa; traslado de ida e volta desde o seu concello de residencia; equipo de monitoras/es e actividades complementarias serán a cargo da Secretaría Xeral da Igualdade, polo que o programa é totalmente gratuíto para as beneficiarias.

Os requisitos principais para poder acceder a estas axudas é ter fillas ou fillos ou menores en acollida entre os 2 e os 12 anos; non convivir coa parella afectiva; e non superar o límite do importe de 1,5 veces o IPREM vixente nos seis meses anteriores á presentación da solicitude.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/08/2020