A colaboración da Xunta cos concellos permitiu este verán reforzar as medidas de seguridade fronte á covid-19 nas praias

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, visitou hoxe co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, as medidas implantadas nos areais do concello

O Goberno galego contribuíu cunha achega de máis de 50.000 euros ao municipio de Sanxenxo á contratación de 35 persoas para reforzar a vixilancia dos accesos e os aforos, así como á limpeza dos areais, á instalación de carteis informativos sobre o coronavirus e á adquisición de material de desinfección

A Xunta xa asinou convenios con 42 pequenos e medianos concellos costeiros

Sanxenxo (Pontevedra), 27 de agosto de 2020

O vicepresidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, visitou hoxe co alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín, as medidas postas en marcha na praia de Silgar ao abeiro do plan de apoio da Xunta aos concellos que permitiu implantar medidas de prevención da covid-19 nas praias este verán.

A través do acordo asinado entre o Goberno galego e o concello de Sanxenxo, a Xunta destinou máis de 50.000 euros para colaborar na contratación de 35 persoas encargadas de vixiar os aforos e os accesos, así como medios para a limpeza dos areais e os seus servizos, a adquisición de material de desinfección ou a instalación de carteis informativos relacionados coa prevención do coronavirus.

O vicepresidente da Xunta en funcións destacou a importancia da colaboración entre a Administración autonómica e as entidades locais para axudarlles a afrontar os custos extraordinarios que supoñen a posta en marcha das medidas para conter o virus.

Nesta liña, agradeceu “o esforzo dos concellos para que este verán, coa colaboración da Xunta, fose posible desfrutar das praias con seguridade cumprindo as normas e con medidas tomadas con antelación”. Tamén puxo en valor o traballo das persoas que traballaron por velar polo cumprimento das medidas obrigatorias para frear o virus.

Ademais, incidiu na necesidade de reforzar a cooperación coas entidades locais para contribuír á súa recuperación económica tras a paralización da actividade pola covid-19 e nun sector tan relevante como o turístico.

Alfonso Rueda explicou que, mediante acordos cos municipios, a Xunta colabora cos pequenos e medianos concellos costeiros axudándolles a intensificar a organización, a seguridade e a sinalización, ademais da adquisición de maquinaria, vehículos e recursos necesarios para a limpeza e a conservación das praias e as súas instalacións co obxectivo de loitar contra a pandemia.

A Xunta habilitou 1,1 millóns de euros a este plan e, a día de hoxe, 42 concellos xa asinaron convenios co Goberno galego. Para poder optar a estas axudas os municipios deben contar cunha poboación inferior a 40.000 habitantes, un mínimo de 300 prazas de aloxamento hoteleiro e máis de 5 praias, ao considerarse que son os que teñen máis necesidade de financiamento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 27/08/2020