A Xunta asesora e avalía a preto de 30 persoas de cara a acreditación das competencias profesionais do oficio de redeiras

Este proceso enmárcase na convocatoria deste ano da Consellería de Emprego e Igualdade para o recoñecemento oficial de competencias profesionais adquiridas en diferentes ámbitos profesionais

Por primeira vez dúas redeiras forman parte da comisión de avaliación que ten como obxectivo comprobar se as persoas candidatas demostran a competencia profesional requirida pola cualificación profesional

Santiago de Compostela, 12 de setembro de 2020

A Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira, dependente da Consellería do Mar, acolleu nos últimos días as probas de avaliación para o recoñecemento das competencias profesionais do oficio de redeiras. Este procedemento, no que participan preto de 30 persoas, ten como obxectivo acreditar a experiencia adquirida na confección e mantemento de artes e aparellos de pesca e enmárcase na convocatoria deste ano da Consellería de Emprego e Igualdade para o recoñecemento oficial de competencias adquiridas en diferentes ámbitos profesionais.

A fase de avaliación, realizada durante catro días na recentemente inaugurada aula de pesca sostible e responsable da Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira, contou por primeira vez con dúas redeiras entre os integrantes da comisión de avaliación e ten como finalidade comprobar se as persoas candidatas demostran a competencia profesional requirida pola cualificación profesional. Para iso incluíu a simulación de tarefas en situacións reais de traballo, probas de competencia profesional e entrevistas profesionais, entre outras.

Ademais para a avaliación tense en conta a fase previa de asesoramento que inclúe este proceso na que se facilita información sobre o sistema nacional de cualificacións e as directrices para xustificar a competencia profesional e entrevistas persoais individuais das persoas candidatas.

Unha vez remate a avaliación, a seguinte e última fase deste procedemento é a expedición por parte da Consellería de Emprego e Igualdade da acreditación das competencias nas que as persoas participantes no proceso demostraron a súa competencia profesional e, no seu caso, a expedición do correspondente certificado de profesionalidade. Esta acreditación terá carácter oficial e validez en todo o territorio do Estado e contribúe ao progreso laboral das persoas dedicadas á confección e mantemento de artes e aparellos de pesca.

Este procedemento responde a necesidades ou demandas de acreditación, por tratarse dunha actividade regulada por normativas que establecen que por razón de saúde e seguridade, para garantir un bo servizo aos usuarios ou clientes, será requisito imprescindible para desempeñar a ocupación ou profesión posuír un título ou certificado de profesionalidade que acredite a súa cualificación profesional.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 12/09/2020