A conselleira do Mar participou na inauguración do segundo encontro de produtores do mar e da terra, ocio e turismo "Maridar. Sabor das Mariñas"
Rosa Quintana destaca o papel clave do asociacionismo para impulsar a economía das zonas costeiras

A titular de Mar agradeceu o a todos os organizadores o seu traballo para sacar adiante o encontro Maridar no contexto da crise vencellada ao coronavirus

O segundo encontro de produtores do mar e da terra, ocio e turismo conta cunha axuda da Xunta de preto de 60.000 euros ao GALP Golfo Ártabro Sur para promover os produtos da Reserva da Biosfera Mariña e Terras do Mandeo

A actividade socioeconómica dos GALP permitiu xerar 2.100 empregos a tempo completo no conxunto da economía galega e supuxo unha contribución ao Produto Interior Bruto de Galicia de preto de 100 millóns de euros

Sada (A Coruña), 11 de setembro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, puxo hoxe en valor o importante papel que xogan as asociacións como os grupos de acción local so sector pesqueiro (GALP) na promoción dos recursos do mar e no desenvolvemento das economías costeiras. Así o sinalou na inauguración do segundo encontro de produtores do mar e da terra, ocio e turismo "Maridar. Sabor das Mariñas", que acolle Sada entre hoxe e o domingo.

Alí a titular de Mar tamén salientou que un bo xeito de difundir os recursos marítimo-pesqueiros e os bens vencellados á costa é a combinación das ofertas de lecer marítimo, co turismo mariñeiro e outras actividades náuticas. Nesta liña puxo como exemplo o encontro Maridar que fusiona esas vertentes a través de expositores nos que se ofertan produtos do mar e da terra, charlas formativas e actividades de formación, obradoiros e tamén mediante actividades conxuntas con actores do turismo mariñeiro, marítimo e náutico-recreativo.

Ademais a conselleira agradeceu a todos os organizadores o seu traballo para sacar adiante este encontro “no medio dun contexto de extraordinaria dureza”, en especial á Federación de Asociacións Empresariais das Mariñas e ao GALP Golfo Ártabro Sur por presentar o proxecto que sustenta este evento e que contou cunha axuda da Xunta de preto de 60.000 euros para promover os produtos da Reserva da Biosfera Mariña e Terras do Mandeo.

Ambas asociacións, engadiu Rosa Quintana, son paradigma de implicación sectorial e colaboración social cos obxectivos de “reivindicar a calidade dos produtos do mar de proximidade, crear emprego e diversificar a actividade económica”. Neste sentido, a titular de Mar apelou “a seguir traballando máis que nunca” para impulsar proxectos que, como este evento, aposten pola produción e o consumo de produtos alimentarios e artesanais e por unha economía de futuro, con raíces no tradicional e na sustentabilidade.

Os GALP

Os grupos de acción local do sector pesqueiro (GALP) dan continuidade aos antigos grupos de acción costeira (GAC) e son asociacións sen ánimo de lucro colaboradoras da Consellería do Mar como axentes de desenvolvemento na aplicación da Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo da zona pesqueira e na xestión e control das axudas que se tramitan para o desenvolvemento desa estratexia.

Desde a primeira convocatoria de axudas a proxectos dos GALP, do ano 2016 e ata o 31 de decembro de 2019, desenvolvéronse 387 proxectos que contaron cun total de axuda pública de máis de 24 millóns de euros, que catalizaron máis de 34 millóns de euros de investimento privado. Isto supuxo un investimento total de preto de 60 millóns de euros. A actividade socioeconómica destas iniciativas permitiu xerar 2.100 empregos a tempo completo no conxunto da economía galega e supuxo unha contribución ao Produto Interior Bruto de Galicia (PIB) de preto de 100 millóns de euros, o que representa un 0,17% do total.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 11/09/2020