A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14,00 h de hoxe

Desactivada a Situación 2 no lume de Cualedro, parroquia de Montes, ao non haber perigo para núcleos de poboación

Permanecen activos os lumes de Cualedro-Montes (1.300 ha), Rairiz de Veiga-Sabariz (300 ha), Vilariño de Conso-Sabuguido (2.000 ha), Lobios-Río Caldo (2.000 ha dentro do Parque Natural do Xurés), Vilar de Barrio-Rebordechau (700 ha), Chandrexa de Queixa-Queixa (400 ha), Vilardevós-Vilar de Cervo (300 ha), Manzaneda-Cernado (150 hectáreas), Manzaneda-Paradela (50 ha), Laza-Camba (60 ha) e Ribas de Sil-Peites (60 ha)

Estabilizados os lumes nos concellos da Gudiña-Pentes (150 ha) e de Maceda-Castro de Escuadro (130 ha)

Extinguido o lume rexistrado no concello pontevedrés de Cuntis, parroquia de Cequeril, que afectou unha superficie de 26 hectáreas

Santiago de Compostela, 14 de setembro de 2020

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 14,00 h. de hoxe.

ACTIVOS

Cualedro

Desactivada a Situación 2 no incendio rexistrado no concello ourensán de Cualedro, parroquia de Montes, ao non haber perigo para núcleos de poboación. O incendio iniciouse ás 14,48 h. do domingo e, segundo as últimas estimacións, afecta unhas 1.300 hectáreas. Esta medición é provisional ata que se parametrice a superficie final afectada. Para o seu control mobilizáronse 7 axentes, 9 brigadas, 11 motobombas, 5 pas, 6 helicópteros e 4 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Rairiz de Veiga

Permanece activo o lume rexistrado no concello de Rairiz de Veiga, parroquia de Sabariz, tras comezar ás 13,44 h. do domingo. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unhas 300 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse 12 axentes, 18 brigadas, 19 motobombas, 2 pas e 9 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Vilariño de Conso

Continúa activo, desde as 02,22 horas do domingo, o lume do concello ourensán de Vilariño de Conso, parroquia de Sabuguido, que segundo as últimas estimacións afecta unhas 2.000 hectáreas. Para o seu control lévanse mobilizado 12 axentes, 20 brigadas, 13 motobombas, 4 pas, 12 helicópteros e 9 avións.

Lobios

Dende as 19,40 h. do sábado está activo un lume no municipio ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afecta o Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Segundo as últimas estimacións, este incendio afecta unha superficie de arredor de 2.000 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 11 axentes, 29 brigadas, 13 motobombas, 1 pa, 10 helicópteros e 5 avións. Tamén colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

Vilar de Barrio

Continúa activo, dende as 11,52 h. do sábado, o lume rexistrado no concello ourensán de Vilar de Barrio, parroquia de Rebordechau. De acordo coas últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de arredor de 700 hectáreas. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 11 axentes, 34 brigadas, 17 motobombas, 2 pas, 11 helicópteros e 14 avións.

Chandrexa de Queixa

Está activo desde as 16,07 h. do domingo un lume na parroquia de Queixa, concello de Chandrexa de Queixa, e que afecta provisionalmente unha superficie dunhas 400 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 1 técnico, 4 axentes, 13 brigadas, 6 motobombas, 2 pas e 3 helicópteros.

Vilardevós

Activo desde as 1,04 h. desta madrugada un lume en Vilardevós, parroquia de Vilar de Cervo. Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada é dunhas 300 hectáreas. No seu control participan 5 axentes, 8 brigadas, 8 motobombas, 3 pas e 7 helicópteros.

Manzaneda

Activo desde as 5,32 h. un lume no concello de Manzaneda, parroquia de Cernado, que afecta provisionalmente unhas 150 hectáreas de superficie. No seu control traballan diversos medios terrestres.

Tamén permanece activo desde as 2,40 h. desta madrugada outro lume neste concello, na parroquia de Paradela, ao que se lle uniu un terceiro rexistrado na parroquia de San Martiño, o que evidencia a clara intencionalidade nos lumes deste concello. Entre os dous suman unha superficie provisional dunhas 50 hectáreas. No lugar están traballando 5 axentes, 12 brigadas, 9 motobombas, 2 avións e 1 helicóptero.

Laza

Segue activo desde as 20,29 h. do sábado o incendio do municipio ourensán de Laza, parroquia de Camba, e que afecta arredor de 60 hectáreas, segundo as últimas estimacións provisionais. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 5 axentes, 14 brigadas, 3 motobombas, 2 pas e 4 avións.

Ribas de Sil

Tamén está activo un incendio no municipio lugués de Ribas de Sil, parroquia de Peites, desde as 1,44 h. desta madrugada que comezou en 4 focos, o que evidencia tamén a intencionalidade neste caso. Segundo as primeiras estimacións, afecta unha superficie de máis de 60 hectáreas. No seu control traballan 2 axentes, 14 brigadas, 10 motobombas, 1 pa e 1 helicóptero.

ESTABILIZADOS

A Gudiña

Estabilizado ás 10,23 h. o lume que se rexistraba ás 20,47 h. do sábado no concello ourensán da Gudiña, parroquia de Pentes. As últimas estimacións provisionais indican que rolda as 150 hectáreas de superficie afectada. Para o seu control mobilizáronse polo de agora 1 técnico, 8 axentes, 18 brigadas, 12 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.

Maceda

Neste concello iniciáronse simultaneamente dous lumes, ambos na parroquia de Castro de Escuadro, ás 15,04 h. do domingo, quedando estabilizados ás 0,36 h. desta madrugada, o que indica unha clara intencionalidade. Entre os dous afectan unha superficie aproximada de 130 hectáreas. Para o control destes dous lumes mobilizáronse ata o momento 9 axentes, 10 brigadas, 10 motobombas e 3 pas.

EXTINGUIDOS

Cuntis

Extinguido ás 12,48 h. o lume rexistrado o pasado sábado no concello pontevedrés de Cuntis, parroquia de Cequeril. A superficie afectada foi de 26 hectáreas, das cales 13 son arboradas e 13 de monte raso. Na súa extinción traballaron 3 técnicos, 10 axentes, 36 brigadas, 18 motobombas, 2 pas, 5 helicópteros e 5 avións.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 14/09/2020