O titular da Xunta visitou hoxe a lonxa de Noia, con motivo do inicio da campaña marisqueira e as obras de remodelación da fachada marítima de Porto do Son
Feijóo reedita o compromiso da Xunta co sector marisqueiro que, a pesar da pandemia, facturou entre xullo e agosto un 10% máis con respecto á media acadada nestes meses durante os últimos 10 anos

Resalta as cifras da campaña 2019/2020 en Noia, que se sitúa como a segunda mellor de toda a serie histórica en termos de descargas e a mellor en termos de facturación dos últimos 10 anos

Salienta o compromiso da Xunta co sector desde distintos eido e logo de que o Goberno central incluíse o marisqueo entre as actividades esenciais durante o primeiro mes do estado de alarma

Lembra que o Plan Avantemar, deseñado para reactivar o complexo mar-industria tras a pandemia, permitiu que se artellaran axudas por valor de máis de 5 M€

Noia (A Coruña), 14 de setembro de 2020

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reeditou hoxe o compromiso do Goberno galego co sector marisqueiro, un sector estratéxico para Galicia, que, a pesar da pandemia, facturou un 10% máis con respecto á media acadada neste mesmo bimestre durante os últimos 10 anos. “Estamos, polo tanto, reactivando o sector”, dixo, recordando que o marisqueo en Galicia xera uns 8.000 empregos e factura case 90 millóns de euros.

Durante unha visita á lonxa de Noia, con motivo do inicio da campaña marisqueira 2020/2021, Feijóo resaltou, a modo de exemplo, as cifras da campaña 2019/2020 en Noia que se sitúa como a segunda mellor de toda a serie histórica en termos de descargas e a mellor en termos de facturación dos últimos 10 anos.

Logo de que o Goberno central incluíse o marisqueo entre as actividades esenciais durante o primeiro mes do estado de alarma, sufrindo caídas de vendas nos produtos de ata un 96% -ao pechar a hostalería-, o responsable do Goberno galego subliñou o compromiso da Administración autonómica co sector desde distintos eidos: achegando recomendacións para as persoas vulnerables, facendo un seguimento continuado dos prezos e da actividade; solicitando ao Ministerio que reconsiderase a decisión de que o marisqueo fose un sector esencial ou repartindo 50.000 unidades de protección e máscaras para uso dos profesionais.

“E puxémonos en marcha en Madrid e en Bruxelas para que a Unión Europea modificase o regulamento do Fondo Marítimo de Pesca”, engadiu, subliñando que todo isto fixo posible a posta en marcha do Plan Avantemar, deseñado para reactivar o complexo mar-industria tras a pandemia, a través de axudas por valor de máis de 5 millóns de euros.

Así mesmo, e no tocante a Noia, referiuse á renovación das instalacións da lonxa do Testal; ao proxecto EcoNoia para apoiar a competitividade da actividade de marisqueo; e á aposta polo selo Berberecho de Noia que, transcorridos dous anos desde a súa implantación, xa son preto de 40 as firmas que venden berberecho etiquetado con esta denominación de calidade.

Nesta mesma liña, Feijóo concluíu destacando ademais as obras de humanización do bordo portuario de Porto do Son, co obxectivo de abrir o municipio ao mar, creando amplas zonas para o disfrute da veciñanza.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/09/2020