A Axencia de Órganos e Sangue chama a doar sangue á cidadanía, especialmente aos grupos A positivo e B positivo

Mensualmente, os hospitais galegos precisan ao redor de 10.000 doazóns de sangue para levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial

As reservas dos grupos A positivo e B positivo presentan niveis baixos, polo que se anima especialmente a participar aos doantes destes grupos sanguíneos
 

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2020

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) fai un chamamento xeneralizado á cidadanía a doar sangue e, moi especialmente, aos doantes dos grupos sanguíneos A positivo e B positivo.

As reservas dos grupos A positivo e B positivo presentan niveis baixos, polo que resulta preciso reforzar o permanente chamamento á participación nas campañas de doazón de sangue.

Desde ADOS convídase a todas as galegas e galegos a continuar amosando o seu carácter solidario para incrementar o numero de doazóns de sangue.

Cómpre remarcar que os hospitais galegos precisan mensualmente ao redor de 10.000 doazóns de sangue.

Facilitar a participación

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue agarda, novamente, contar coa positiva resposta da cidadanía ao seu chamamento solidario e para iso ofrecerá as máximas facilidades para doar, desprazando as súas unidades móbiles ao longo da xeografía galega.

Data
Lugar
Mércores 16 setembro

Pontedeume, Carballo, Zona Gaiteira / Os Castros (A Coruña), Forte, Camporrapado, Bertamiráns (Ames), O Grove, Tui, Rúa Príncipe (Vigo), Cervo, San Cibrao (Cervo), Vilar de Barrio, Oimbra, Dacon (Maside), Maside.

Xoves 17 setembro

Betanzos, Carballo, Bº Elviña (A Coruña), Santa Comba, Negreira, Cambados, Tui, Baiona, Palas de Rei, Ribadavia

Venres 18 setembro

Betanzos, Baio (Zas), Zona Monelos – Castrillón (A Coruña), Boiro, Esteiro (Muros), Vilagarcía, Gondomar, Baiona, Praza Maior (Lugo), Avda. Buenos Aires (Ourense)

Sábado 19 setembro

As Somozas, Urbanización A Barcala (Cambre), Boiro, Vilagarcía de Arousa, Gondomar, Praza Maior (Lugo)

Así mesmo, tamén existe a posibilidade de doar nos locais existentes nas sete grandes cidades galegas.

Doar, moi sinxelo

Pode doar sangue calquera persoa con máis de 18 anos, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue (VIH, hepatite B ou C...). A doazón de sangue é un acto sinxelo que permite a moitas persoas solucionar o seu problema de saúde e mesmo salvar a vida.

ADOS dispón da páxina web: ados.sergas.gal, as páxinas de ADOS en redes sociais, e o teléfono gratuíto 900 100 828 para resolver calquera dúbida relacionada coa doazón de sangue ou coñecer a data dos desprazamentos das unidades móbiles. Na páxina web pódese descargar o código QR e atopar máis información.

ADOS lembra que, aínda que se pode acudir de forma espontánea, é recomendable solicitar cita no teléfono antes sinalado.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Sanidade
Data de actualización: 15/09/2020