A conselleira do Mar visitou as obras da segunda fase de ampliación do dique de abrigo do peirao burelés
O segundo martelo do porto de Burela mellorará o abrigo e a operatividade dos máis de 250 barcos que empregan anualmente estas instalacións

A Consellería do Mar destina máis de 1 millón de euros a esta ampliación do dique do peirao que busca reducir a axitación do interior das dársenas, maior capacidade de atraque e amortiguar a ondada que chega ao dique de abrigo

As obras consisten na ampliación do muro actual do peirao nuns 8 metros na dirección existente, sobre a base da infraestrutura actual e na prolongación do conxunto do espigón nuns 50 metros máis

A esta actuación súmase a da mellora da nave de redes, que saíu a licitación cun orzamento de máis de 287.000 euros e que está en fase de contratación e o acondiciomento realizado na nave de Expomar por arredor de 40.000 euros

Burela (Lugo), 16 de setembro de 2020

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, visitou hoxe as obras da segunda fase de ampliación do dique de abrigo do peirao de Burela, unha actuación que, segundo explicou, mellorará o abrigo para a frota e a operatividade das máis de 250 embarcacións que anualmente adoitan facer uso destas instalacións. A esta construción do segundo martelo do porto, que está a executar Portos de Galicia, a Consellería do Mar destina máis de 1 millón de euros.

No transcurso da visita, na que estivo acompañada pola presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, a conselleira fixo fincapé en que a misión fundamental desta acción é a de reducir a axitación do interior das dársenas, ademais de conseguir maior capacidade de atraque e servir de amortiguación á ondada que chega ao dique de abrigo.

Con ese obxectivo, as obras que están en execución consisten na ampliación do muro actual do peirao nuns 8 metros na dirección existente, sobre a base da infraestrutura actual e na prolongación do conxunto do espigón nuns 50 metros máis cunha aliñación que forme 120 graos coa actual. Deste xeito, esta nova infraestrutura terá un peirao de 5 metros de calado e cantil de 5,60 m protexido pola parte exterior con mantos de enrochado de cantos de máis de 2.000 Kg e unha explanada superior de 12 metros de anchura entre berma e cantil.

Ademais esta obra equipará ao peirao con escadas metálicas en aceiro inoxidable, defensas, bolardos de 50t e bitas de 65 quilos, instalacións de auga e electricidade, iluminación e varandas de aceiro galvanizado. En canto á duración destes traballos, que comezaron en febreiro, Rosa Quintana, sinalou que está previsto que rematen no último trimestre do ano.

A estas obras do segundo martelo súmanse as da mellora da nave de redes, que saíron a licitación cun orzamento de máis de 287.000 euros e que están en fase de contratación. Esta actuación ten por obxecto a remodelación e acondicionamento da envolvente desta infraestrutura e con ela eliminaranse as filtracións de auga na cuberta e na fachada do edificio e distintas deficiencias relacionadas coa instalación eléctrica, entre outras. Con ese obxectivo Portos de Galicia renovará mediante esta intervención as chapas das fachadas e a cuberta, substituirá as portas de acceso e a instalación eléctrica ao completo e saneará a estrutura mediante a limpeza, desoxidado e pintado do edificio da nave de almacenamento e reparación de redes. Ademais instalaranse un aseo e un almacén na zona central da nave.

A maiores o ente público reparou a cuberta da nave de Expomar, que acolle esta feira de carácter bianual. Esta actuación contou cun investimento de arredor de 40.000 euros e os traballos realizados consistiron no subministro e instalación dunha nova canle de recollida de augas en aceiro inoxidable, así como a renovación da parte superior por chapa en aluminio lacada dun milímetro de espesor. Deste xeito, renováronse as zonas máis afectadas pola corrosión.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 16/09/2020