A Xunta tramita a inscrición de cinco montes da provincia de Pontevedra no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe os anuncios de información pública dos correspondentes expedientes de inscrición no devandito rexistro

Os interesados en presentar alegacións teñen de prazo dous meses, a contar dende mañá

Os montes están situados nos concellos de Cerdedo-Cotobade, Fornelos de Montes, Moaña e Caldas de Reis

Santiago de Compostela, 22 de setembro de 2020

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe os anuncios da Consellería do Medio Rural polos que se someten a información pública os procedementos de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas dos montes Casa das Minas e San Bernabé, Limeres, Ventín, Faro Aveloso e Agüeiros, todos eles situados na provincia de Pontevedra.

En concreto, dous deses montes pertencen ao concello de Cerdedo-Cotobade. Trátase do Casa das Minas e San Bernabé -de titularidade da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común (CMVMC) de Chamadoira- e do Limeres, da comunidade homónima. Os outros son o monte Ventín -en Fornelos de Montes e de titularidade da CMVMC de Ventín-, o Faro Aveloso -da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Meira, en Moaña- e do monte Agüeiros, de titularidade da entidade local menor de Arcos da Condesa, no concello de Caldas de Reis.

A partir de mañá, calquera persoa física ou xurídica poderá examinar no Servizo de Montes da Xefatura Territorial de Medio Rural de Pontevedra os documentos correspondentes a estes expedientes de inscrición, podendo presentar as alegacións que estimen oportunas.

Cabe sinalar que a Consellería do Medio Rural está a tramitar actualmente un total de 40 expedientes de inscrición no Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas, que supoñen en conxunto unhas 2.000 hectáreas de terreo. Destes expedientes, sete corresponden á provincia da Coruña, 17 á de Lugo, cinco á de Ourense e 11 á de Pontevedra.

En Galicia existe, de acordo co 4º Inventario Forestal Nacional, unha superficie de masas de frondosas autóctonas dunhas 415.000 hectáreas, dominadas principalmente polo carballo, cerquiño, castiñeiro e bidueiro, xa sexa en forma de masas dunha soa especie ou en mesturas íntimas de dúas ou máis especies. Estas masas conforman a paisaxe característica de Galicia e teñen un alto interese para a conservación de especies e hábitats, así como unha gran capacidade de xerar recursos de alto valor para a sociedade.

Tendo en conta toda esta riqueza, e en desenvolvemento da Lei de Montes, a Xunta publicou o Decreto que regula o Rexistro de Masas Consolidadas de Frondosas Autóctonas. Nel inscríbense aquelas cunha superficie mínima de monte de 15 hectáreas que poden estar constituídas por tres coutos redondos, sempre que cada unha delas teña un mínimo de 3,75 hectáreas (25% da superficie mínima) e unha idade media de 20 anos.

O rexistro pretende favorecer a xestión forestal activa das masas inscritas, para o que o Decreto que o regula establece unha serie de medidas, como son a prioridade na concesión de axudas públicas, a divulgación dos seus valores e das utilidades directas destas masas de frondosas ou mesmo o fomento do desenvolvemento de vantaxes fiscais para os seus titulares.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 22/09/2020