A Xunta destinou este ano máis de 623.700 euros a 47 asociacións de veciños e comunidades de usuarios de augas da área de Vigo

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, as melloras no local e nos equipamentos do centro veciñal e cultural de Valladares

O Goberno galego destinou este ano 2,5 millóns de euros das axudas a 190 asociacións de veciños e comunidades de augas da comunidade

A Xunta aposta por fomentar o asociacionismo e a dinamización do movemento veciñal para contribuír á mellora da calidade de vida local
 

Vigo, 8 de outubro de 2020

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, visitou hoxe xunto a delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, as actuacións levadas a cabo no Centro Veciñal e Cultural de Valladares, unha das entidades beneficiarias das axudas deste ano para a dinamización do asociacionismo veciñal, á que a Xunta concedeu 17.000 euros. Nos concellos da área de Vigo, o Goberno galego investiu máis de 623.700 euros entre 47 entidades.

A Administración autonómica incrementou a dotación da convocatoria de axudas deste ano ata os 2,5 M€, o que supón un 60% máis que o ano anterior, e que se distribuíron entre 190 asociacións veciñais e comunidades de usuarios de augas da comunidade.

Natalia Prieto e Marta Fernández-Tapias puideron comprobar de primeira man as actuacións levadas a cabo pola asociación veciñal e cultural de Valladares para substituír o pavimento dos baños da planta baixa do local social e facelos accesibles para as persoas con discapacidade. Ademais, o centro recibiu apoio da Xunta para mellorar o equipamento de son e iluminación do auditorio público que acolle os eventos da organización.

Así, ao abeiro das subvencións do Plan Específico de acción comunitaria que cada ano convoca o Goberno galego, este centro recibiu 17.000 euros, dos que 12.000 se destinaron ás obras e os 5.000 euros restantes á compra de equipamento.

A directora xeral de Administración local destacou que esta orde de axudas da Vicepresidencia Primeira contribúe a redundar na mellora da calidade de vida local e o benestar dos cidadáns e, desta forma, a Xunta aposta polo asociacionismo e a dinamización do movemento veciñal.

As axudas do Plan Específico de acción comunitaria van dirixidas a asociacións veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais. Para as entidades veciñais e as organización de mulleres rurais, subvenciónanse investimentos destinados á ampliación ou reforma dos locais sociais; á adquisición dos equipamento necesario destes locais Pola súa banda, as comunidades de usuarios de auga poden obter subvencións a través deste programa para a execución de obras, mellora, reforma e reparación das infraestruturas e instalacións das traídas de auga comunitarias.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 08/10/2020