O persoal do servizo de prevención e defensa contra incendios forestais fórmase este trimestre en seguridade, grandes lumes e xestión das comunicacións nos centros de coordinación

Estes nove cursos, que se enmarcan no plan de formación impulsado pola Consellería do Medio Rural, están á disposición do persoal ata final de ano

En total, esta iniciativa está aberta á participación de máis de 600 alumnos, tanto axentes como técnicos, emisoristas ou bombeiros forestais
 

Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2020

A Consellería do Medio Rural programou para este último trimestre do ano un total de nove cursos para o persoal do Servizo de Prevención e Defensa Contra os Incendios Forestais (SPDCIF) de Galicia. Estas accións enmárcanse no plan de formación desenvolvido pola Xunta para os axentes, técnicos, emisoristas, bombeiros forestais e demais profesionais deste servizo.

As iniciativas programadas céntranse en temáticas clave para o dispositivo, como poden ser a seguridade, o manexo de aplicacións cartográficas ou a xestión dos grandes lumes e das comunicacións nos centros de coordinación (a nivel de distrito, provincia e Galicia). En conxunto, os cursos están abertos á participación de máis de 600 alumnos.

Os tres primeiros cursos iniciaranse este vindeiro xoves, día 15 de outubro. Un deles versará sobre os grandes incendios forestais e estará dirixido aos axentes forestais e aos axentes facultativos medioambientais dos diferentes distritos. Terá unha duración de 24 horas e nel participarán un total de 60 alumnos.

Ese mesmo xoves comezará tamén outra acción formativa, centrada na xestión das comunicacións e información nos centros de coordinación de distrito. Nela está previsto que participen un total de 75 alumnos, todos eles emisoristas. Por último, na mesma xornada do 15 de outubro empezará tamén outro curso sobre manexo de aplicacións cartográficas e de xestión en material de incendios en dispositivos móbiles, destinado a axentes. Participarán un centenar de alumnos, que se formarán durante un período de 25 horas.

Segunda quenda

Unha segunda quenda de cursos terán lugar entre o 26 de outubro e o 16 de decembro. Serán o de grandes incendios destinado a técnicos e xefes de distrito (30 alumnos, 36 horas de duración); o de xestión das comunicación e información nos centros de coordinación provinciais (35 alumnos e 12 horas) e o de manexo de aplicacións cartográficas para técnicos e xefes de distrito (50 alumnos e 30 horas).

Por último, outros dous cursos están programados para os días seis e 16 de novembro. Trátase, respectivamente, do de xestión das comunicacións e información no Centro de Coordinación Central, deseñado para emisoristas (12 alumnos e 12 horas de duración) e do de seguridade na extinción de incendios -dirixido aos bombeiros forestais-, no que está previsto que participen ata 255 alumnos, que recibirán 12 horas de formación.

Todos estes cursos desenvolveranse na modalidade de teleformación, agás o de condución de vehículos todoterreo para bombeiros forestais condutores, que será mixto. Con respecto a este último, están pendentes de determinar tanto o número total de alumnos como as súas datas de celebración.

As accións formativas con maior número de alumnos -caso dos cursos de seguridade e os de manexo de aplicacións cartográficas e grandes incendios para axentes- desenvolveranse en ata dúas ou tres edicións, para facilitar a súa realización polos alumnos matriculados. Todos os interesados nestes cursos deberán matricularse na plataforma da Academia Galega de Seguridade Pública (Agasp).
 

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Medio Rural
Data de actualización: 12/10/2020