A Xunta inicia a elaboración dos orzamentos 2021 que priorizarán a recuperación económica, o emprego e o reforzo dos servizos públicos

A Consellería de Facenda e Administración Pública publicará nos próximos días a orde pola que se ditan as instrucións para a elaboración dos novos orzamentos

O Executivo galego acelera así o proceso de elaboración dos presupostos tras coñecer esta mesma semana algunhas das principais magnitudes económicas

As contas de 2021 buscan acelerar a recuperación, mitigar os efectos da pandemia do covid 19 nas familias e no tecido produtivo, e impulsar o Xacobeo 2021

Inclúen por primeira vez un informe co orzamento en clave de obxectivos da axenda 2030 para o desenvolvemento sostible

A asignación dos recursos priorizará a volta á senda de crecemento estable, sostible e cohesionado social e territorialmente
 

Santiago de Compostela, 11 de outubro de 2020

A Xunta de Galicia inicia o proceso de elaboración dos Orzamentos da Comunidade Autónoma para 2021, unhas contas que priorizarán a recuperación da actividade económica e do emprego en liña co Plan Estratéxico de Galicia e o Plan de reactivación e dinamización 2020-2021 baseados nun crecemento sustentable e na cohesión social e territorial.

Ademais, as contas da Xunta para 2021 reforzarán os servizos públicos e terán como obxectivo continuar garantido a seguridade socio sanitaria e paliar os efectos da pandemia para poder volver aos niveis de emprego e de actividade anteriores á pandemia o máis axiña posible a través de reformas estruturais para formar un tecido económico máis moderno, produtivo e sostible.

A Consellería de Facenda e Administración Publica publicará nos próximos días a orde pola que se ditan as instrucións para a elaboración dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021. O Executivo galego acelera así o proceso de elaboración dos presupostos do vindeiro ano, unha vez coñecidas esta mesma semana e con máis de dous meses de retraso algunhas das principais magnitudes de referencia necesarias para a elaboración das contas, tras a reunión do Pleno do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF).

A senda de crecemento estable na que se atopaba Galicia estes anos viuse interrompida de xeito abrupto pola expansión da pandemia provocada polo covid 19 e as medidas de restrición da mobilidade que se estableceron para afrontala. Os Orzamentos do ano que vén buscan acelerar a recuperación e mitigar os seus efectos nas familias e no tecido produtivo. Tamén impulsarán o Xacobeo 2021 co fin de garantir que se desenvolva con éxito.

Ademais, como en exercicios anteriores, os presupostos recollerán unha visión transversal das políticas de gasto con perspectiva de xénero e do orzamento en clave de infancia; e por primeira vez incluirase un informe co orzamento en clave de obxectivos da axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.

Criterios xerais de elaboración

Os Orzamentos de Galicia para o vindeiro ano 2021 van priorizar fundamentalmente unha serie de criterios para a asignación dos recursos como base para a volta a unha senda de crecemento estable, sostible e cohesionado social e territorialmente.

Trátase de garantir os medios e o persoal necesarios no eido socio sanitario que permitan manter controlada a evolución da pandemia e os seus efectos; garantir o funcionamento seguro dos servizos educativos; paliar os efectos da crise nas persoas máis desfavorecidas; dar continuidade ás políticas de dinamización económica e abordar unha reforma da administración para proporcionar aos cidadáns un servizo máis accesible, áxil, de máis calidade, máis eficiente, dixital e transparente.

Ademais, a elaboración dos orzamentos para 2021 estruturarase ao igual que as contas vixentes en torno a catro comisións: a Comisión de análise e avaliación dos obxectivos dos programas de gasto, que avalía os obxectivos estratéxicos e operativos asignados aos distintos programas de gasto e aos seus indicadores de resultado; a Comisión de ingresos propios e finalistas, responsable da elaboración das previsións sobre os distintos ingresos; a Comisión de fondos europeos e Fondo de Compensación Interterritorial (FCI), que estima as certificacións previstas dos distintos fondos; e a Comisión funcional do gasto, que determina a distribución do orzamento por programas, capítulos e proxectos.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 11/10/2020