A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, detallou hoxe o contido deste manual de seguridade viaria no ámbito do transporte de escolares
A Xunta e Stop Accidentes presentan un protocolo con 49 recomendacións para fomentar condutas responsables entre todos os usuarios do transporte escolar

Vázquez Mourelle indica que esta guía didáctica ofrece recomendacións aos alumnos, ás familias, aos acompañantes, aos condutores e aos usuarios

Precisa que a guía se concreta nun protocolo de medidas seguras para desprazarse cara a parada, de subida e baixada e durante o traxecto cara o colexio

Apunta que o protocolo nace no eido do transporte compartido, que xestiona a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pero está coordinado coa Consellería de Educación e é extrapolable ao conxunto do transporte escolar público

A elaboración deste manual e do protocolo está recollida no convenio entre a Xunta e Stop Accidentes para levar a cabo accións para fomentar a seguridade viaria

Stop Accidentes redactou un compendio de bos hábitos para toda a comunidade escolar, tras un traballo de campo previo con enquisas ou análises das paradas

O documento, didáctico e cunha linguaxe clara, difundirase en medios impresos e audiovisuais, priorizando os formatos para as redes sociais e o móbil

O manual chegará aos colexios, ás familias e ás empresas prestadoras do servizo coa fin de facelos partícipes nunha mobilidade inclusiva, saudable e segura

Santiago de Compostela, 14 de outubro de 2020

A Xunta e Stop Accidentes presentan un protocolo con 49 recomendacións para fomentar condutas responsables entre todos os usuarios do transporte escolar.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a delegada da asociación Stop Accidentes en Galicia, Jeanne Picard, presentou hoxe en rolda de prensa un manual de seguridade viaria e boas prácticas para usuarios do transporte de escolares.

Vázquez Mourelle indicou que se trata dunha guía didáctica que ofrece unha serie de recomendacións e consellos orientados á comunidade escolar: alumnado, familias, acompañantes, condutores e demais persoas usuarias.

Precisou que esta guía se concreta nun segundo documento, que é o protocolo de medidas seguras para desprazarse cara a parada do autobús de escolares, de subida e baixada e durante o traxecto cara o colexio.

Apuntou que o protocolo nace no eido do transporte compartido, que xestiona de forma directa a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, pero está coordinado coa Consellería de Educación e é extrapolable ao conxunto do transporte escolar público.

Subliñou que o ´bus escolar´ representa un dos transportes máis seguros e con menos sinistros viarios, cumprindo co obxectivo 0 vítimas falecidas nos últimos anos. Aínda así, puntualizou que a maioría dos accidentes ocorren cando se sube e baixa ao autobús, polo que se establece un protocolo preventivo de actuación.

A elaboración deste manual e do protocolo é unha nova actuación recollida no convenio que a Xunta e Stop Accidentes asinaron en marzo para levar a cabo accións orientadas a fomentar a seguridade viaria.

Neste sentido, Stop Accidentes redactou este compendio de bos hábitos dirixido a 5 actores principais: alumnado, familias, usuarios do bus compartido, acompañantes e condutores.

Para redactar este manual houbo unha análise previa e traballo de campo, a partir da avaliación dos percorridos e das paradas dos autobuses ou de enquisas aos implicados.

O manual e o protocolo contan cun deseño didáctico e unha linguaxe clara para facilitar a súa lectura e comprensión. Este material difundirase a través de medios impresos e audiovisuais, priorizando formatos para redes sociais ou para visualizar no móbil.

A conselleira precisou que este documento tamén chegará aos centros educativos, ás familias e tamén ás empresas prestadoras do servizo coa fin de facelos partícipes da necesidade dun cambio de comportamento a favor dunha mobilidade inclusiva, saudable e segura.

Recomendacións concretas

No caso do alumnado, a guía inclúe 22 accións de como deben actuar os rapaces para ir ata a parada e subir ao autobús, durante o traxecto e tamén ao baixar do mesmo. Especifícase, por exemplo, que deben chegar uns 5 minutos antes, que non deben camiñar nunca por diante ou por detrás do autobús ou que deben ir sempre sentados co cinto de seguridade.

Para os familiares, o documento especifica un total de 7 normas para velar pola seguridade dos seus fillos, entre as que destacan a de avisar con antelación se non se usa o servizo ou levar prendas de visibilidade reflectante se se desprazan andando.

En relación aos acompañantes, a guía recolle 13 accións concretas, entre as que destacan o coñecemento preciso da ruta e do alumnado que cada día sube e baixa ao autobús. Tamén se apela á responsabilidade de entregar os escolares ao familiar ou persoa autorizada, tanto no colexio como na parada e, no caso de non estar presente, facerse cargo do escolar.

No que se refire aos usuarios do transporte, indícanse 5 obrigas, entre elas, a de ocupar as prazas que designe o persoal acompañante e cumprir as mesmas normas que as demais persoas usuarias.

Para o caso dos condutores, o protocolo sinala 2 normas de obrigado cumprimento, que son respectar todas as normas de tráfico e seguridade viaria e revisar que todos os dispositivos funcionen correctamente e que os carteis avisadores estean á vista.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 14/10/2020