Portos de Galicia inicia as obras de mellora da lonxa de Laxe

O ente público inviste 25.000 euros no lavado das fachadas do edificio así como a súa ampliación para crear unha nova zona de lavadoiro

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2020

A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, visitou hoxe as obras de mellora do edificio da lonxa do municipio coruñés de Laxe, unhas actuacións que veñen de comezar, que contan cun prazo de execución de tres meses e nas que o ente dependente da Consellería do Mar inviste 25.000 euros.

Os traballos consistirán no lavado das fachadas do edificio da lonxa así como unha pequena ampliación do mesmo coa fin de habilitar unha nova zona de lavadoiro das caixas de peixe. Con esta actuación a antiga zona de lavadoiro pasará a ser destinada a un novo viveiro.

Esta obra dará resposta ás necesidades expostas polo sector a Portos de Galicia e mellorará as condicións de traballo dos profesionais do mar. Os traballos únense ademais á obra de dragaxe do peirao, que se atopa en execución e na que a Consellería do Mar está a investir máis de tres millóns de euros.

Malpica

Durante a súa visita á Costa da Morte a presidenta de Portos de Galicia visitou tamén o edificio da lonxa de Malpica, no que o ente público está a executar traballos de mellora. Neste caso trátase dun investimento de 30.000 euros co obxecto de acondicionar as oficinas da lonxa de xeito que queden illadas dos locais administrativos da confraría e se habiliten entradas independentes. Esta obra atópase tamén en execución desde esta mesma semana e conta cun prazo previsto de execución de dous meses.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 15/10/2020