A Xunta reforza a súa colaboración coas federacións de mulleres rurais en apoio ás vítimas de violencia de xénero

A conselleira de Emprego e Igualdade asinou hoxe, Día Internacional da Muller Rural, convenios de colaboración coas federacións Fademur, Femuro, Femupo e Redeiras Artesás O Peirao

As accións teñen o dobre obxectivo de sensibilizar a mulleres rurais no eido da violencia de xénero e o traballo directo coas vítimas e os seus fillos e fillas

A Xunta promove coas entidades programas para a mellora da autoestima e o empoderamento das mulleres que no rural están a vivir situacións de violencia de xénero

Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2020

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, asinou hoxe, coincidindo co Día Internacional da Muller Rural, convenios coa Federación de Asociacións de Mulleres Rurais de Galicia (Fademur), a Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (Femuro), a Federación para a Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra (Femupo) e a Federación de Redeiras Artesás O Peirao, grazas aos que se desenvolverán actuacións de atención as vítimas e aos seus menores e iniciativas de sensibilización no eido da violencia de xénero.

A Xunta fortalece deste xeito a loita contra a violencia de xénero entre a poboación rural. Para elo conta coa colaboración das federacións Fademur, Femuro, Femupo e Redeiras Artesás O Peirao, con grande presenza nos seus respectivos territorios. Os convenios, cunha dotación total de 70.000 euros, permitirán desenvolver accións de sensibilización no eido da violencia de xénero, implicando nas mesmas ás mulleres que integran estas entidades. Ademais despregaranse campañas en centros educativos e se apoiarán os recursos profesionais de atención as vítimas da violencia de xénero.

Os convenios focalizan a atención nas mulleres vítimas e nos seus fillos e fillas, con programas de respiro familiar e actividades nas que se pon énfase no empoderamento, a autoestima e o autocoñecemento da muller. O obxecto último, tal e como indicou a conselleira é o de avanzar cara a reducir unha lacra que ataca sen piedade as mulleres en contornas rurais.

Sensibilización e busca de espazos seguros

O marco de colaboración con Femupo permitirá abordar ademais o proxecto Mulleres en Construción na provincia de Pontevedra, centrado en atopar solucións contra a violencia de xénero desde a visibilización, a formación e a sensibilización.

Entre as ferramentas coas que contarán as entidades grazas a estes convenios destacan os traballos con dinámica de grupo para facer visibles os diferentes xeitos de violencia tentando de construír novas formas de relacións afectivas e dando a coñecer os recursos dispoñibles. Tamén se organizarán obradoiros sobre estereotipos e resolución de conflitos.

Estas dinámicas completaranse cun traballo de recompilación de información no territorio sobre os actores que participan nos procesos da violencia, desde a detención e prevención ao apoio e acompañamento ás vítimas e as súas fillas e fillos menores, co obxectivo de acadar un catálogo de espazos seguros e recursos accesibles.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/10/2020