Conde asegura que Galicia recuperarase antes e será máis competitiva na medida en que sexa capaz de afondar nos acordos alcanzados cos axentes sociais e económicos

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, clausurou en Teo o 5º Congreso da Federación de Industria, Construción e Agro de Galicia UGT-FICA

Asegura que a Comunidade mantén o espírito de diálogo e consenso e o obxectivo compartido de construír unha Galicia máis próspera cun maior emprego de calidade

Galicia segue traballando no desenvolvemento de proxectos para captar fondos europeos de recuperación que permitan abordar unha transformación económica e social na que se aposte polo capital humano
 

Teo (A Coruña), 15 de outubro de 2020

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, asegurou hoxe, durante a clausura en Teo do 5º Congreso da Federación de Industria, Construción e Agro de Galicia UGT-FICA, que para que Galicia alcance a recuperación económica e social o máis axiña posible e para que a Comunidade sexa máis competitiva é necesario seguir afondando nos acordos consensuados cos principais axentes económicos e sociais galegos.

Conde afirmou que o espírito de diálogo e consenso mantense intacto e que seguir avanzando no diálogo social é a mellor opción para impulsar a competitividade empresarial e reforzar as políticas de emprego adaptándoas ao novo contexto económico e sanitario. Incidiu na importancia de dar respostas desde a unidade de acción.

Ademais, o vicepresidente económico, referiuse a que unha das prioridades compartidas polos axentes sociais e económicos e o Goberno galego é construír unha Galicia máis próspera cun maior emprego de calidade. Para lograr esa recuperación, Galicia conta cun Plan de reactivación económica con máis de 3000M€ de investimento público-privado para facer fronte aos retos da internacionalización, a dixitalización e a creación de emprego. Tal e como explicou, este plan é flexible e está aberto a novas oportunidades para reforzar o tecido empresarial.

Neste sentido, subliñou que Galicia leva meses preparándose para optar aos fondos de recuperación europeos e lembrou que conta con sete iniciativas xa maduras: catro proxectos tractores, como unha planta de hidróxeno verde, un centro para o impulso da economía circular e outro de fabricación de fibras téxtiles sostibles a partir de madeira, así como a instalación de nova potencia renovable (un total de 1000MW para autoabastecer os proxectos tractores); ademais doutras tres iniciativas transversais centradas en cadeas loxísticas sustentables para o transporte, un centro de innovación en tecnoloxías renovables e un laboratorio dixital para afondar en sistemas 4.0.

A Xunta, co apoio dos axentes sociais, o comité de expertos económicos, o tecido produtivo e os centros tecnolóxicos seguirá traballando no desenvolvemento de novos proxectos para abordar unha transformación na que se siga apostando polo capital humano.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 15/10/2020