A Xunta pasa o Plan Camgal ao nivel mínimo de emerxencia tras constatar a ausencia da mancha de fuel nas inmediacións da ría de Arousa
Santiago de Compostela, 15 de outubro de 2020

A Xunta, a través do Servizo de Gardacostas de Galicia, vén de pasar ao nivel mínimo de emerxencia –situación 1- a activación do Plan Territorial de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Plan Camgal) tras constatar a ausencia da mancha de fuel localizada esta semana nas inmediacións da ría de Arousa, fóra da costa, entre Ribeira e a illa da Rúa.

A Xunta tomou esta decisión atendendo á mellora da situación e en consonancia con Salvamento Marítimo do Estado que coordina o operativo. As embarcacións do Servizo de Gardacostas que participan no operativo mantéñense na zona eliminando restos superficiais e realizando labores de dispersión mecánica e irán retirándose progresivamente.

Neste operativo os medios da Xunta que se sumaron aos de Salvamento Marítimo do Estado son os buques Irmáns García Nodal e Paio Gómez Chariño e as patrulleiras Punta Falcoeiro e Punta Roncadoira con persoal do Servizo de Gardacostas e do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño (Intecmar) que realizou seguimento da mancha mediante boias durante todo o operativo. A eles sumáronse hoxe drons da Axencia Galega de Emerxencias para a inspección da área afectada.

Ademais desde o primeiro momento está a facer seguimento do operativo na zona o subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, e o Intecmar mantén de xeito preventivo o peche cautelar no único polígono de bateas que estaba aberto na zona, o Ribeira B.

Os niveis de activación plan Camgal adáptanse aos utilizados por Protección Civil segundo indica o Sistema Nacional de Resposta e son Situacións 0, 1, 2 e 3. A situación 0 actívase cando se sospeita que unha contaminación significativa pode chegar á costa, tanto se procede do mar como dunha instalación en terra. A situación 1 fai referencia ao nivel mínimo de emerxencia, a situación 2 ao nivel medio e a 3 ao nivel máximo de emerxencia.

Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 15/10/2020