A Xunta pon de relevo o valor da conserva galega de produtos do mar que supón o 85% da produción e facturación deste sector en España
Vigo, 15 de outubro de 2020

A directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Mercedes Rodríguez, puxo hoxe en valor a industria conserveira de produtos do mar de Galicia, un sector que representa o 85% da produción e da facturación deste ámbito en España. Nesta liña fixo fincapé na importancia de seguir apostando por este sector e destacou algunhas medidas da Administración autonómica para potenciar a súa competitividade. Unha delas é o Plan estratéxico da conserva que ten como obxectivo manter e facilitar as condicións de acceso ás materias primas, o reforzo e consolidación das estruturas empresariais existentes no sector e da internacionalización e da actividade exportadora. Esta ferramenta tamén busca consolidar a reputación da produción e das marcas, unha maior implantación da I+D+i e garantir a estabilidade e a calidade do emprego.

Outra das medidas que destacou a directora xeral son as axudas a pequenas e medianas empresas de transformación de produtos do mar cofinanciadas co Fondo Europeo Marítimo e de Pesca e que permiten subvencionar ata o 50% das actuacións desenvolvidas para mellorar o estado das súas instalacións. Desde 2016 a Xunta aprobou un total de 228 axudas destinadas a este sector por importe de preto de 60 millóns de euros que permitiron mobilizar arredor de 120 millóns de investimento coa finalidade de modernizar e mellorar a competitividade desta industria en Galicia. Así o expuxo Mercedes Rodríguez durante a súa participación na mesa Retos e desafíos da industria do peixe en Galicia no marco dunha xornada de Comisións Obreiras sobre o sector dos elaborados de produtos do mar.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. do Mar
Data de actualización: 15/10/2020