102 centros educativos participan este curso no programa 'Biblioteca creativa', para fomentar a investigación e a aprendizaxe

Do total de centros adheridos, 25 son de nova incorporación mentres que outros 77 renovan a súa continuidade no proxecto nas bibliotecas escolares

A través desta iniciativa dirixida a infantil e primaria búscase familiarizar aos máis cativos coa robótica e a linguaxe de programación

A Xunta aporta os recursos necesarios, que inclúen a dotación de pequenos robots, os Escornabots, cos que o alumnado pode realizar as actividades

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2020

Un total de 102 centros educativos de Infantil e Primaria de toda Galicia −25 de nova incorporación e outros 77 que renovan a súa continuidade− participan neste curso no programa Biblioteca Creativa da Xunta de Galicia que ten por obxectivo impulsar, desde a biblioteca escolar, un espazo creativo de aprendizaxes no que o alumnado poida experimentar e investigar con todo tipo de recursos; e para o cal a Consellería de Cultura, Educación e Universidade aporta os recursos necesarios.

Así, segundo a resolución publicada no Portal Educativo, neste curso participarán por primeira vez neste programa un total de 10 novos centros da provincia da Coruña, tres de Lugo, dous de Ourense e 10 de Pontevedra. Ao mesmo tempo, tamén se renova a continuidade no proxecto doutros 77 centros incorporados en edicións anteriores, polo que o total de centros adscritos elévanse a 102, a razón de 38 na provincia da Coruña, 14 en Lugo, 11 en Ourense e 39 en Pontevedra.

Esta iniciativa, −integrada no Plan de Mellora das Bibliotecas Escolares (PLAMBE)−, busca estimular a iniciación do alumnado de Infantil e Primaria no campo da robótica e na linguaxe de programación a través de actividades manipulativas e outras, programadas desde a biblioteca escolar, mediante a utilización de pequenos robots, os Escornabots, deseñados dentro dun proxecto de hardware libre, cunha evolución aberta á comunidade. A través disto búscase ampliar as linguaxes presentes na biblioteca, promover a expresión oral, a alfabetización múltiple, o razoamento lóxico, a aprendizaxe manipulativa, o xogo, a investigación e o traballo colaborativo de profesorado e alumnado.

Dotación de recursos

Todos os centros de nova incorporación seleccionados reciben directamente no centro os materiais para montar os Escornabots que se incorporan á biblioteca.

Os 77 centros que renovan a súa participación reciben unha asignación para ampliar o proxecto, ben sexa coa dotación dun recuncho creativo dentro da biblioteca con recursos de robótica e impresión 3D; coa adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma creativa, ou a través da formación do alumnado a través de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou outros ámbitos relacionados co programa impartidos por profesionais do eido.

No caso dos centros con un ano de antigüidade no programa, a asignación vai destinada á adquisición dos medios necesarios para introducir a impresión 3D no recuncho creativo da biblioteca escolar. No caso dos centros con dous anos de presenza no programa, a asignación destínase á adquisición de materiais que faciliten a investigación, a experimentación e a creación de forma colaborativa, configurando un ‘espazo creativo’ diverso e axeitado aos intereses da comunidade educativa e ás finalidades do centro; mentres que os centros con tres anos de presenza en Biblioteca Creativa deberán destinar a asignación que reciban da Consellería á formación do alumnado coa realización no propio centro, de obradoiros relacionados coa creación audiovisual ou de calquera outro ámbito presente no ‘espazo creativo’, a experimentación, a robótica, a programación etc., impartidos por profesionais ou persoas experimentadas en cada ámbito. Estes obradoiros poderán ter formato presencial, se as circunstancias sanitarias así o permiten, ou telemático.

No caso dos centros con catro anos de presenza no programa, a asignación deberá destinarse á formación do alumnado coa realización no propio centro de obradoiros e actividades relacionados cos Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable da Axenda 2030; actividades que deberán ter como referencia o “espazo creativo” da biblioteca.

Listado de centros de nova incorporación ao programa ‘Biblioteca Creativa’:

A Coruña:

Centro
Concello
Provincia
CEIP Plurilingüe Mosteiro de Caaveiro
Capela, A
A Coruña
CEIP Salgado Torres
Coruña, A
A Coruña
CEIP Plurilingüe de Centieiras
Fene
A Coruña
CEIP de Caión
Laracha, A
A Coruña
CEIP Plurilingüe de Louro
Muros
A Coruña
CEIP dos Muíños
Muxía
A Coruña
CEIP Plurilingüe de Outes
Outes
A Coruña
CEIP Plurilingüe Santa María
Pontes de García Rodríguez, As
A Coruña
CEE Manuel López Navalón
Santiago de Compostela
A Coruña
CEIP de Prácticas López Ferreiro
Santiago de Compostela
A Coruña

 



Lugo:


CEIP Plurilingüe Monte Baliño
Pantón
Lugo
CPI Dr. López Suárez
Saviñao, O
Lugo
EEI San Roque
Viveiro
Lugo

 

Ourense:


CEIP Nosa Señora de Xuvencos
Boborás
Ourense
CEIP Plurilingüe do Xurés
Lobios
Ourense

 

Pontevedra:


CEIP Plurilingüe de Castrelo
Cambados
Pontevedra
CEIP Pérez Viondi
Estrada, A
Pontevedra
CEIP Plurilingüe de Chancelas
Poio
Pontevedra
CEIP de Santiago de Oliveira
Ponteareas
Pontevedra
CEIP Nosa Señora dos Remedios
Ponteareas
Pontevedra
CEIP Plurilingüe de Porto Cabeiro
Redondela
Pontevedra
CEIP Plurilingüe Nº 1
Tui
Pontevedra
CEIP Illas Cíes
Vigo
Pontevedra
CEIP Plurilingüe Frián-Teis
Vigo
Pontevedra
CEIP A Lomba
Vilagarcía de Arousa
Pontevedra

 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/10/2020