Xunta e a Fundación Laboral da construción abordan liñas de colaboración que garantan a igualdade laboral no sector

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza coa directiva da Fundación en Galicia dentro da rolda de contactos que mantén cos axentes económicos e sociais

Na reunión púxose en valor a importancia da capacitación profesional e a formación

Santiago de Compostela, 16 de 2020

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantivo unha xuntanza coa directiva da Fundación Laboral da Construción en Galicia, para abordar novas liñas de colaboración en materia laboral e de igualdade neste sector. O encontro enmárcase na rolda de contactos que está a manter a titular de Emprego e Igualdade cos principais axentes sociais e económicos da Comunidade.

Lorenzana recordou que a Xunta conta con liñas de colaboración abertas con esta entidade en dúas áreas fundamentais desde 2009 en materia de emprego e de loita contra a violencia de xénero. Grazas a esta cooperación foi posible a contratación nos últimos anos de persoas desempregadas e a incorporación de mozos para a realización de servizos de interese xeral e social.

En canto a aplicación de políticas contra a violencia de xénero, ambas as dúas entidades abordaron o reforzo da súa alianza para a inserción laboral de mulleres vítimas de violencia de xénero.

Na xuntanza, celebrada por videoconferencia, ademais da conselleira, estivo presente a directora xeral de Formación e Colocación, Zeltia Lado; e pola Fundación Laboral da Construción, o presidente do Consello Territorial de Galicia, Diego Vázquez Reino; os vicepresidentes, Javier Carreiro e Sergio López así como o xerente da Fundación en Galicia, Fernando García.

A Fundación Laboral da Construción -nacida da unión de CCOO, UXT e a CNC (Confederación Nacional da Construción)- presentou á conselleira o traballo que desenvolve a organización, que desde 1992 facilita a empresas e traballadores e traballadoras recursos para acadar un sector máis profesional, seguro, capacitado e con futuro. Precisamente a capacitación e a formación son dous eixos nos que a conselleira de Emprego e Traballo fixo especial incidencia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/10/2020