A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, co alcalde, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, supervisou hoxe a remodelación da avenida Clara Campoamor, que é o acceso á nova estación de autobuses
Ethel Vázquez destaca o traballo conxunto da Xunta e o Concello para que a intermodal de Santiago estea en servizo no Xacobeo e demanda un compromiso do Goberno de España co ferrocarril

Vázquez Mourelle avanza que a Xunta segue axilizando ao máximo as obras da nova estación de autobuses e da pasarela para telas rematadas a finais de ano

Precisa que a terminal de autobuses ten un grao de execución por riba do 90% e a pasarela avanza a moi bo ritmo co seu desembarco no Hórreo

Salienta que a estación intermodal de Santiago, na que o Goberno galego inviste un total de 16 millóns de euros, será a primeira en servizo na comunidade

Pon en valor a suma de esforzos entre a Xunta e o Concello, que comparten o interese por fomentar o transporte público nunha estación intermodal de calidade que facilitará os intercambios entre modos de viaxe

Solicítalle ao Goberno de España o compromiso coa reforma ferroviaria da intermodal de Santiago e unha maior sensibilidade cos servizos de tren en Galicia

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2020

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, destaca o traballo conxunto da Xunta e o Concello para que a estación intermodal de Santiago estea en servizo no Xacobeo e demanda un compromiso do Goberno de España co ferrocarril galego.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Antonio Sánchez Bugallo, supervisou hoxe o resultado das obras de remodelación da avenida Clara Campoamor, que é o acceso á nova estación de autobuses.

Subliñou que a primeira fase da estación intermodal de Santiago que executa a Xunta, é dicir, a nova estación de autobuses e a pasarela de conexión coa terminal ferroviaria e co Hórreo, está a piques de rematar.

Destacou que o Goberno galego segue axilizando ao máximo estas obras ás que destina un investimento total de 16 millóns de euros, cofinanciada con Fondos Feder.

Ethel Vázquez explicou que a estación intermodal de Santiago será a primeira en servizo na comunidade, pois a terminal de autobuses ten un grao de execución por riba do 90%. Engadiu que tamén a pasarela avanza a moi bo ritmo co seu desembarco no Hórreo.

Adiantou que o obxectivo é ter todo rematado a finais de ano, data na que se agarda ter aclarada definitivamente co Concello a cuestión da xestión da nova estación de autobuses.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade puxo en valor a suma de esforzos entre administracións, pois é boa para todos, especialmente para os cidadáns. Neste sentido, agradeceulle ao Concello de Santiago o seu traballo para acadar o obxectivo de ter os accesos en servizo antes do remate da estación.

Fixo fincapé en que a Xunta e o Concello veñen compartindo o interese por fomentar o transporte público a través dunha infraestrutura de calidade como a estación de autobuses integrada na terminal ferroviaria, que facilitará os intercambios entre modos de transporte.

Tamén engadiu o obxectivo común de facer cidade, cunha actuación cofinanciada pola Xunta, o Concello e Adif, así como o interese por chegar ao Xacobeo 2021 con Santiago preparado para ser un escaparate turístico de Galicia.

Neste marco de colaboración necesaria entre administracións, a conselleira solicitou unha maior sensibilidade do Goberno de España coas necesidades galegas en materia de servizos ferroviarios.

A este respecto, demandou un compromiso coa reforma ferroviaria da intermodal de Santiago, así como unha mellor atención á situación dos servizos de tren en Galicia.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/10/2020