A Xunta organiza este mes diversas xornadas sobre a planificación e o deseño das plantacións de castiñeiros de froito

A iniciativa está dirixida a propietarios de terreos con castiñeiros ou a persoas interesadas na súa plantación

Estas accións están integradas no Plan de formación ao agro galego que desenvolve a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria
 

Santiago de Compostela, 18 de outubro de 2020

A Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), organiza ao longo deste mes de outubro diversas xornadas sobre a planificación e deseño das plantacións de castiñeiros de froito. A iniciativa, na que tamén participa o consello regulador da Indicación Xeográfica Protexida Castaña de Galicia, está dirixida a propietarios de terreos con castiñeiros ou a persoas interesadas en plantalos.

Así, nas xornadas os asistentes aprenderán a planificar as súas plantacións, coñecendo as distintas variedades, polinizadores ou condicións do solo, así como consellos para o coidado dos castiñeiros, para a súa rega efectiva, para a fertilización ou para facer enxertos. Tamén se lles falará de repoboación, apuntando como se prepara o terreo, técnicas de roza ou de replanteo e de peches perimetrais para as parcelas.

Polo de agora, xa se levaron a cabo tres sesións nos concellos lucenses de Samos e Bóveda e no ourensán de Vilardevós. O resto teñen previsto celebrarse a partir do 20 de outubro nos seguintes municipios:

 

DATA
CONCELLO
HORARIO
20.10.2020
O Bolo (Ourense)
17,00 h – 21,00 h
23.10.2020

Folgoso do Courel (Lugo)

10,00 h – 14,00 h
26.10.2020
Lalín (Pontevedra)
11,00 h – 15,00 h
27.10.2020
Palas de Rei (Lugo)
17,00 h – 21,00 h
28.10.2020
Chantada (Lugo)
10,00 h – 14,00 h
30.10.2020
Mondariz (Pontevedra)
18,00 h – 22,00 h


 

A Xunta aposta pola formación neste sector, dado que a produción de castaña en Galicia, sobre todo en zonas de alta montaña, estímase en 20 millóns de quilos, o que supón preto duns 50 millóns de euros unha vez comercializado o produto. Todos os interesados que desexen participar nestas xornadas formativas deberán remitir un correo electrónico ao enderezo de info@castanadegalicia.org.

A acción está integrada no Plan de formación ao agro galego 2020, cuxo principal obxectivo é impulsar o desenvolvemento de actividades formativas, de demostración e información que desenvolve a Consellería do Medio Rural. Con estas accións, preténdese contribuír a que os coñecementos cheguen aos seus últimos destinatarios: agricultores, gandeiros, silvicultores ou representantes da industria agroalimentaria.

Polo tanto, trátase de mellorar a capacitación dos traballadores dos sectores agrario, agroalimentario e forestal en todo o relacionado cos aspectos técnicos e económicos das súas actividades incidindo, cando sexa preciso, na reordenación das producións e no emprego dos métodos produtivos respectuosos coa conservación e na protección do medio.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 18/10/2020