A Consellería de Política Social e Concello de Muxía estudan o traslado da escola infantil
Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2020

O xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, mantivo hoxe unha reunión co alcalde de Muxía, Santiago Toba Campaña, na que trataron a situación da escola infantil da rede a Galiña Azul do municipio.

Xunta e Concello estudarán a posibilidade de trasladar a localización da escola a un espazo que está rehabilitando o concello muxián. O obxectivo é consolidar as 20 prazas coas que conta a escola, xa que as novas instalacións permitirían unha mellora notable das condicións nas que se presta o servizo, co obxectivo de facilitar a conciliación das familias do municipio.

A escola de Muxía conta na actualidade cunha matrícula de 16 nenas e nenos e ocupa un local de alugueiro, situado nunha entreplanta e que presenta algunhas deficiencias que imposibilitan o correcto funcionamento do centro, integrado na rede de escolas infantís A Galiña Azul.

O xerente do Consorcio, Perfecto Rodríguez, comprometeuse a enviar ao Concello o persoal da oficina técnica para analizar a idoneidade da ubicación e colaborar coa Administración municipal para traballar de cara á materialización do traslado.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/10/2020