Galicia traslada ao Goberno central a necesidade de traballar de xeito conxunto en garantir unha cultura segura

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, participaron na Conferencia Sectorial de Cultura e o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde

Puxeron como exemplo as preto de 4.500 actividades culturais impulsadas pola Xunta desde o mes de abril no marco do Plan de Reactivación
 

Santiago de Compostela, 16 de outubro de 2020

A Xunta trasladou hoxe ao Goberno central a necesidade de traballar de xeito coordinado para garantir unha cultura segura que permita a progresiva evolución do sector e axude a preservar o emprego entre os profesionais deste ámbito que, só en Galicia, suman máis de 30.000 persoas.

Así o manifestaron esta mañá o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, durante a Conferencia Sectorial de Cultura e o Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde no que participaron de xeito telemático. No encontro, púxose como exemplo o traballo levado a cabo na nosa Comunidade nos últimos meses para apoiar a posta en marcha de preto de 4.500 actividades culturais desde o pasado mes de abril.

Neste sentido, recordou que o Goberno autonómico ten en marcha un 80% das medidas do Plan de Reactivación cultural creado para paliar os efectos da crise sanitaria, cun investimento de máis de 26 millóns. Isto implica, dixo, un apoio ás artes escénicas e plásticas, á música e ao audiovisual, pero tamén ao sector do libro con actividades nas bibliotecas e axudas a editores e librerías, entre outras actividades.
 

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 16/10/2020