A conselleira de Política Social compareceu hoxe na Cámara galega para dar conta das liñas xerais do funcionamento do seu departamento
Fabiola García tende a man cara a un pacto autonómico para seguir mellorando a atención residencial en Galicia

Levará á Comisión de reconstrución do Parlamento galego as liñas estratéxicas do novo modelo de residencias

Avanza que están listas para entrar en funcionamento cando a situación o requira dúas residencias integradas, unha en Santiago e outra en Vigo, ás que se poderán sumar máis de ser necesario

Subliña que xa está dispoñible na web da Consellería un mapa coa situación das residencias en cada concello de Galicia

Solicita ao Goberno central que estenda aos primeiros fillos de toda España a gratuidade da educación infantil que Galicia xa implantou para os segundos e sucesivos

Destaca que nesta lexislatura as familias de dous fillos e as monoparentais se equipararán a efectos do IRPF coas familias numerosas e que estas terán máis beneficios

Recorda a ampliación de tres a seis meses da Tarxeta Básica para as familias con menos recursos

Santiago de Compostela, 20 de outubro de 2020

A conselleira de Política Social, Fabiola García, tendeu a man cara a un pacto autonómico para seguir a mellorar desde o “realismo e a responsabilidade” a atención residencial en Galicia. Así o manifestou durante a súa comparecencia no Parlamento galego para explicar as liñas xerais do funcionamento do seu departamento de cara a esta lexislatura.

Neste sentido, manifestou que se remitirá á Comisión de reconstrución da Cámara autonómica e aos responsables do sector un documento coas liñas estratéxicas do novo modelo de residencias para implantar na Comunidade. Un proxecto que, sinalou, “estará aberto ás achegas construtivas dos grupos políticos, de xeito que todos poidamos poñer o noso gran de area para que as residencias poidan seguir evolucionando”.

Fabiola García anunciou ante a Cámara autonómica que nestes momentos xa hai dúas instalacións, unha en Santiago e outra en Vigo, dispoñibles para ser utilizadas como residencias integradas en caso de que a situación epidemiolóxica aconselle a súa posta en marcha. Se fose necesario, poríanse en marcha máis destes centros intermedios nos que Galicia foi pioneira durante a primeira onda pandémica.

A conselleira de Política Social referiuse durante a súa comparecencia ás medidas aplicadas para frear o impacto da covid-19 nos centros residenciais. Así, destacou que Galicia actuou con prevención, ao dotar de protocolos de actuación a todos os centros antes ca ningunha outra Comunidade; está a realizar cribados quincenais en todas as residencias de maiores para detectar con antelación calquera contaxio; e está a responder sempre que se ve afectada a calidade asistencial.

Ademais, sinalou que o Goberno galego aprobou un protocolo que conxuga a protección da saúde coa preservación do benestar emocional dos usuarios destes centros ao garantir o seu dereito a recibir visitas dos familiares en todos os casos. Para que a cidadanía poida consultar en que situación están as residencias de cada un dos concellos de Galicia, a Xunta vén de crear un mapa interactivo e con actualización constante, accesible desde a páxina web da Consellería de Política Social.

Fabiola García lembrou que hoxe máis do 90% das residencias de Galicia están totalmente libres de coronavirus e que na actualidade estes centros están mellor preparados para responder á esta pandemia. De todas formas, advertiu que o risco cero non existe e gabou “a profesionalidade, compromiso e heroísmo” dos profesionais destes servizos.

Pioneiros no apoio ás familias

Durante a súa intervención, a conselleira situou a Galicia como un modelo a nivel nacional no ámbito de apoio ás familias con tres medidas pioneiras. A primeira, a gratuidade das escolas infantís para segundos fillos e sucesivos, da que xa poden desfrutar máis de 14.000 familias que levan aos seus nenos a centros públicos da Xunta, privados ou municipais. Ao respecto, solicitou ao Goberno central que estenda esta iniciativa tamén para os primeiros fillos.

A segunda, a primeira Lei de impulso demográfico de España que dotará de axudas económicas, opcións de conciliación, apoio á mocidade, impulsará o equilibrio territorial, facilitará o envellecemento activo e creará incentivos para o retorno dos galegos do exterior. Este texto legal será debatido no Parlamento galego nas próximas semanas.

En terceiro lugar, Fabiola García subliñou que nesta lexislatura as familias con dous fillos e todas as monoparentais se equipararán ás familias numerosas a nivel do IRPF, o que se traducirá nunha dedución de 250 euros no tramo autonómica da cota íntegra. Ademais, todas as familias numerosas contarán cun beneficio de 250 euros por cada fillo a partir do terceiro, este incluído. Xunto con estas medidas, indicou que nestes catro anos afondarase noutras medidas como a consolidación das casas niño, a Tarxeta Benvida ou o Bono Coidado.

Por último, e co fin de adaptar a conciliación ao contexto actual marcado pola covid-19, a conselleira fixo súa a petición do Parlamento de Galicia e volveu instar ao Goberno central a que aprobe un permiso retribuído para as nais e pais con fillos en corentena, tal e como se comprometera.

Máis voluntariado e formación

A aposta polo voluntariado, con especial atención ao ano Xacobeo e ao ámbito social e ambiental, e a educación non formal constitúen un dos eixos da Consellería de cara a esta lexislatura. Fabiola García explicou que se reforzarán as canles de comunicación e o asesoramento á xuventude, como xa se fixo co Whatsapp de información xuvenil; se creará unha plataforma dixital de educación non formal para que a xente moza poida acceder a cursos, obradoiros ou congresos; e se diversificarán as opcións de tempo libre.

Así mesmo, seguirase a traballar noutras que xa están en marcha como as axudas para a obtención do carné de conducir; ou os Premios Talento Mozo para dar visibilidade e promocionar a mozas e mozos referentes no eido cultural, deportivo ou investigador.

Coidados para os maiores

En canto aos nosos maiores, a conselleira defendeu a necesidade de garantir que poidan elixir libremente onde queren seguir vivindo e recibir a atención que precisan. Por iso, na actual lexislatura estenderanse as casas do maior ao 100% dos concellos galegos que non conten con servizo de atención diúrna. Tamén se reforzará o programa Xantar na casa, que xa leva un menú diario a 1.700 persoas que viven soas.

Do mesmo xeito, seguirase a implantar a teleasistencia avanzada para ir incorporando paulatinamente ás 7.500 galegas e galegos beneficiarios do modelo básico; e consolidarase o liderado de Galicia a nivel nacional no Servizo de Axuda no Fogar.

Por outra banda, Fabiola García sinalou que entre as novas iniciativas do Goberno galego para os vindeiros anos sitúase o desenvolvemento do ‘cohousing’, un modelo de convivencia de maiores con apartamentos independentes nos que comparten servizos; o Plan contra a soidade non desexada, para prever situación de risco; e a construción das sete mellores residencias de Europa, que financiará con 90 millóns de euros a Fundación Amancio Ortega e que suporán a creación de 900 prazas públicas nas sete principais cidades.

Atención á discapacidade

No ámbito da discapacidade, a conselleira salientou que nos vindeiros meses verán a luz dúas normas que darán máis facilidades a estas persoas e as súas familias. Estas son o Decreto de accesibilidade e o do concerto social, que axilizará a contratación de prazas de atención.

En canto a novas infraestruturas, Fabiola García comprometeu o centro de día e ocupacional Infanta Elena de Monforte de Lemos, que contará con 25 prazas; e o CAPD de Ourense, que suporá a creación doutras 110 prazas públicas.

Medidas de inclusión

A conselleira fixo fincapé na actuación da Xunta durante os primeiros meses da pandemia co fin de mitigar o seu impacto nos fogares, a través de medidas como: favorecer o acceso á Risga; as bolsas de comedor escolar; o incremento das axudas de inclusión; ou o lanzamento da Tarxeta Básica, que a día de hoxe permite a 7.000 persoas afrontar gastos do día a día. Fabiola García destacou que esta última medida vén de ser ampliada de tres a seis meses para atender a máis familias durante máis tempo.

De cara aos vindeiros meses, Fabiola García explicou que se traballará na renovación da Axenda Social Única, da man dos concellos e das entidades sociais; desenvolverase o Plan de atención ás persoas sen fogar e seguirase solicitando ao Goberno central a xestión do Ingreso Mínimo Vital, para axilizar a súa tramitación e desconxestionar a súa lista de espera.

Imaxes relacionadas
Departamento: C. de Política Social
Data de actualización: 20/10/2020