A Rede CeMIT acolle novas actividades formativas en competencias dixitais e sociais para facilitar a inserción sociolaboral de persoas desempregadas

Impulsadas pola entidade “Red Araña” desenvolveranse durante os meses de outubro e decembro de forma presencial e por videoconferencia

A inscrición poderá realizarse de xeito gratuíto a través da páxina web da Rede ou nas propias aulas

Santiago de Compostela, 24 de outubro de 2020

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a entidade colaboradora Red Araña poñen en marcha unha variedade de programas formativos que contan con financiación da Xunta de Galicia, co obxectivo de promover actuacións que permitan a inserción sociolaboral de persoas desempregadas a través da adquisición de destrezas dixitais e sociais.

As actividades desenvolveranse durante os meses de outubro e decembro principalmente en formato presencial (sempre que as autoridades sanitarias o permitan) e por videoconferencia e consistirán en talleres de competencias dixitais para a mellora da empregabilidade, actividades de networking, talleres de habilidades sociais, creación de ideas de negocio, etc.

Os obxectivos

A través destes programas formativos, as persoas participantes terán a oportunidade de adquirir competencias e destrezas dixitais, mellorar e potenciar as habilidades sociais, deseñar unha estratexia de promoción de contactos persoais e profesionais offline e online, aprender a traballar en equipo e incentivar a creatividade.

Ademais, os talleres de traballo complementaranse con itinerarios personalizados e sesións interactivas onde recibirán formación para axudarlles na procura de emprego como as claves afrontar una entrevista de traballo; aumentar a súa rede de contactos profesionais e persoais a través do Networking; facilitar o seu acceso a procesos de selección, así como impulsar novas ideas de negocio e fomentar a cultura emprendedora.

Inscrición e participación

As persoas interesadas en participar tan só deberán cumprir co requirimento de estar en procura de emprego coa tarxeta do Servizo Público de Emprego activa e o DNI vixente e estar dados de alta como usuarios CeMIT para inscribirse nas actividades dispoñibles a través das aulas CeMIT ou na web CeMIT segundo o seguinte calendario:

- O Taller de habilidades dixitais e Networking, previsto para o 26 e 27 de outubro na aula de Ribeira.
- Taller de Competencias dixitais básicas orientadas á mellora da empregabilidade das mulleres que celebrarase os días 28, 29 e 30 de outubro e o 2 e 3 de novembro en horario de 10:30 a 14:30 horas en Ribeira
- Taller de mellora de habilidades sociais no voluntariado (neste caso non sería un requirimento necesario ter a tarxeta do SEPE activa) previsto para o 4 e 5 de novembro en horario de 9:00 a 14:00 horas na aula de Valga
- Taller de Competencias dixitais avanzadas orientadas á mellora da empregabilidade e Obradoiro de habilidades dixitais, os días 6, 9, 10, 11 e 12 de novembro en horario de 09:30 a 13:30 nas aulas de Poio, e Valga, e os días 16, 17, 18, 19 e 20 de novembro en horario de 09:30 a 13:30 nas aulas de Cerceda, Fisterra e Ortigueira celebrarase unha edición en nivel básico.
- Taller de creación de ideas de negocio previsto para o 27 de novembro en horario de 9:00 a 14:00 horas nas aulas de Ortigueira, Poio, Pontedeume e Valga.

Red Araña, entidades polo emprego

É unha organización de acción social de carácter non lucrativo que busca promover actuacións que permitan a inserción sociolaboral dos desempregados/as con especial atención a aqueles colectivos vulnerables.

A súa misión é a de agrupar e facilitar o desenvolvemento do maior número de entidades sociais que traballan nesta inserción xerando experiencias empresariais sostibles, comprometidas co seu entorno e que permitan o acceso ao mercado de traballo a aquelas persoas con maiores dificultades.

A Rede CeMIT

A Rede CeMIT é unha iniciativa posta en marcha pola Amtega e conta coa colaboración de 92 concellos, está integrada por 98 aulas e está presente en 53 comarcas, co obxectivo común de transformar á cidadanía galega nunha sociedade plenamente integrada na sociedade dixital. A rede é un dos instrumentos principais do Plan de Inclusión Dixital de Galicia para ofrecer a cidadanía recursos de capacitación dixital en función do seu nivel de coñecemento.

Imaxes relacionadas
Data de actualización: 24/10/2020